O traballo inclúe unha colección de once cancións e poemas que nos transportan ao novo universo musical e poético de Ugia Pedreira.
Trae Segmento Cantábrico ar fresco do norte, o vento da súa travesía; un elegante equilibrio entre instrumentos máis orgánicos combinados coa música electrónica vintage, achegando un minipoemario. Baixo o título Atalaia Norte, nel A Pedreira plasma a inspiración que desde nena lle proporciona a conexión por vía marítima coas tribos, clans e pobos bañados polo Océano Cantábrico, desde Ortegal en Galicia, á illa de Ouessant, na Bretaña francesa.
Estamos ante un disco no que conflúen e se mesturan spoken word, poesía e canción; un álbum de composición folk, de folk progresivo, que aúna formas tradicionais do litoral cantábrico con outros sabores da world music europea e do folk americano.
Letras, poemas da propia artista, do pintor e poeta vigués afincado en Londres Enrique Gavilanes, das Follas Novas de Rosalía de Castro, da poeta do Val de Lourenzá Marina Oural, do escritor Carvalho Calero e a poeta Xela Arias, compoñen este traballo no que a bipolaridade do orgánico e o tecnolóxico, os extremos, os límites, as marxes, a música como curación, o aproveitamento e o consumo responsable dos recursos cotiáns están expostos.
Despois de 12 discos gravados, sempre ao redor de artistas diversos, e de xiras internacionais e colaboracións variadas, A Pedreira preséntase aquí cunha madurez escénica irrevogable, cunha voz que ben podería ser a voz do blues galego, coa paixón do rock e un amplo coñecemento das músicas populares de raíz.
A Pedreira ten cambiado o rumbo da escena galega varias veces, a nivel creativo, nas coidadas postas en escena, a nivel didáctico ou de xestión. Estas novas composicións saen do que considera máis xenuíno nela mesma: o pensamento emitido dun verso ou dunha palabra. «A escritura é o meu templo», que diría DJ Spooky.
Este novo camiño da Pedreira foi da man do produtor musical e compositor bretón Pierre- Yves Rougier que pon a carne necesaria ás melodías e palabras, que son os esqueletos das cancións da Pedreira, que desta vez buscou a inspiración en arquitecturas sonoras tan diferentes como a música barroca, o metal, o techno, os cantos tibetanos, os seus propios difónicos, o folk irlandés e bretón, o son máis chamánico…
Sen prexuízos e coa consciencia de que habitamos unha construción Panxea da arte, nunha colaxe maior onde a entropía persoal marca verosimilitude, o disco vén envolto de músicas que son útiles para Ugia e Pierre na casa, coa súa filla Lúa que mora a través do oído primario, nos sons congruentes co seu modo de vivir. Como dicía Foucault, que o real verídico sexa o propio relato de cada quen. Por iso viaxan sonoramente polos tambores tribais, rememorando aqueles cantautores folk dos 70, agradecendo a música dos 80, explorando sons en estampas (motores de barcos, cigarras, pés no lodo da ría…).
O deseño e tipografías son obra de Xavier Belho. A foto da portada é de Óscar Górriz. Da produción musical, arranxos e premesturas encargouse Pierre-Yves Rougier, no estudio Ty Awel, en Castropol. A mestura e masterización final correron a cargo de Arturo Vaquero en Abrigueiro Estudios (Friol). Colaboran Iván Laxe, no baixo, e Alberto M. Lamas, na stelle guitar.
Ugia Pedreira, A Pedreira, naceu en Foz (na Mariña de Lugo), e a xeoloxía cultural desta comarca, e de toda a zona de fala eonaviega ou galego-asturiana, marcan profundamente esta singular compositora e intérprete.
“Muller poliédrica, salvaxe, rebelde e sofisticada, co don da palabra escrita e cantada, compositora sublime”, segundo palabras de Uxía, A Pedreira é unha mestura explosiva de serenidade e paixón, unha cantora das de verdade, unha voz que invoca a xustiza; a voz negra da música galega, unha das máis importantes, plurais e versátiles do panorama musical galego, o que fai de cada unha das súas presentacións públicas un acontecemento.
Folk, ska, electrónica, latin, trad… O de Ugia é explorar texturas e dimensións, tanto á hora de compoñer coma coa súa voz. Dulce Pontes dixo dela no festival Maré que «canta co corazón na man». A súa potente e singular voz é inmediatamente recoñecible. A Pedreira é unha desas artistas que son quen de crear tendencia en cada obra, tanto polo contido, como por estética ou ética. Das músicas máis queridas e admiradas de Galicia, cunha enorme intelixencia musical e entre as máis respectadas e escoitadas na profesión, non só polo que di, senón tamén por como o di.
Desde que en 1995 iniciou su carrera musical, é vangarda no seu país de orixe. A Pedreira canta sobre a vida, e pola súa formación e consciencia é, en palabras de Guadi Galego: “A autora con maiúsculas do país”; unha voz que é quen de poñer de acordo a moitas xeracións.
O traballo que agora presenta, o disco Segmento cantábrico xunto co minipoemario Atalaia Norte, é o primeiro que asina como A Pedreira. Porque nel está e non está a Ugia de Chouteira, de Ecléctica Ensemble, de Marful, de Nordestin@s, de Acrobata ou A comuna del Barruzo. Afirma o xestor cultural Xavier Campos que este novo proxecto, que combina folk electrónico con spoken word e poesía, é “un disco xeneroso, cheo de leccións e aprendizaxes que non se ofrecen, son. Un disco que vai perdurar, que abre unha nova etapa, despois de deconstruír o palco e mirar de fronte a esencia”.