
Neste novo traballo discográfico, e van quince, o pianista compostelán atopa inspiración na vexetación autóctona de Galicia.
O pianista e compositor compostelán Abe Rábade conta con catorce discos como líder, aos que suma agora Botánica. Presentado ao vivo na última edición do festival Maré, este novo traballo discográfico para Karonte Records, conta con 14 composicións orixinais dedicadas á vexetación autóctona de Galicia. En conxunto, conforman un campo de visión aberto ao mundo que funde o rural co urbano.
A escrita musical e o piano de Abe Rábade atópanse nesta ocasión coa voz e a percusión tradicional galega dun dos valores máis prestixiosos da nosa escena musical: Davide Salvado.
Daniel Juárez ao saxo tenor, Virxilio da Silva á guitarra, Ton Risco ao vibráfono, Jimena Andión ao cello, Pablo Martín Caminero ao contrabaixo e Naíma Acuña á batería completan un colectivo artístico heteroxéneo, baseado na integración de estéticas musicais e na exploración libre de prexuízos.
Ademais da súa carreira discográfica, Abe Rábade estreou dúas composicións sinfónicas (Tránsitos no 2015 e Tempos Velados no 2018), outras tres obras poético-musicais (Rosalía 21 no 2008, Travesía dos Poetas no 2010 e Lorca Namorado no 2019). É autor de 200 composicións en estilos como jazz, clásica, experimental e músicas de raíz. Actúa con numerosas figuras de reconocido prestixio internacional en concertos e festivais de todo o mundo. Así mesmo ofrece múltiples masterclasses en centros especializados.
Licenciado Cum Laude en Jazz Composition e Piano Performance polo Berklee College of Music (Boston, EUA) no 1999, actualmente é docente en sendos conservatorios superiores de música de Galiza e Portugal.