- O festival, baixo o paraugas das Festas do Apóstolo, contará con máis de doce horas de programación ininterrompida este domingo 26 de xullo
- Artistas como Budiño, Felisa Segade, Ana Alcaide, O Gajo, Martín Bruhn, o coro Vox Stellae, e moitas máis, porán a banda sonora a este gran serán compostelán

Este domingo 26 de xullo, Santiago de Compostela transformarase, durante máis de doce horas, nun escenario vivo onde a tradición se reivindica como a modernidade do século XXI. O Compostela TradFest celebra a súa oitava edición consolidado xa como unha das citas máis agardadas do programa cultural das Festas do Apóstolo.
Este ano, o TradFest estende os seus fíos máis alá das nosas fronteiras para tecer un diálogo internacional que conecta a música tradicional galega co espazo lusófono, o mundo celta, as músicas ibéricas e o folclore latinoamericano. O festival desenvólvese en distintos espazos emblemáticos da cidade como a Igrexa da Universidade, a Praza de Mazarelos e a Praza da Quintana.
Unha celebración aberta, viva e participativa
A xornada arrancará ás 12:00 h na Praza da Quintana cun concerto moi especial da Banda de Música Municipal de Santiago, dirixida por David Fiuza, que presentará o programa “Horizonte Tradi”, unha viaxe sinfónica pola nosa música tradicional dende unha perspectiva contemporánea, con arranxos de Pedro Lamas e a participación de tres solistas de nova xeración: María López (gaita e zanfona), Nuno Estévez (acordeón) e Ernesto Martínez (voz e frauta).
A Igrexa da Universidade acollerá propostas íntimas e de gran valor musical como a de Ana Alcaide, ás 12:30 h, que xunto ao multiinstrumentista americano Bill Cooley, proporá unha viaxe a través de historias e lendas de varias culturas do mundo, mediante o emprego de instrumentos curiosos de diferentes latitudes como a nyckelharpa, o violín de Hardanger, o salterio, o ud turco ou o bouzouki.
Neste mesmo espazo, ás 16:00h, terá lugar o concerto do coro de cámara compostelán Vox Stellae, que nos levará por un percorrido ecléctico que vai dende versións rítmicas de pezas do Códice Calixtino ata composicións orixinais e arranxos a capella con harmonizacións rigurosamente contemporáneas, pasando por Alalás e melodías tradicionais. Ás 19:45h, toma o relevo o portugués O Gajo cunha proposta que transita entre o fado, a música tradicional, o folk e o rock , acompañado da súa viola campaniça, un instrumento de raíz que forma parte da historia centenaria e cultural de Portugal.
Doce horas de programación gratuíta para desfrutar da música de raíz
Pola súa banda, a Praza de Mazarelos vibrará cos ritmos folclóricos fusionados coa electrónica do arxentino Martín Bruhn, ás 13:30h. A partir das 17:00h, a música tradicional non parará grazas á enerxía das Ferrinhas Bravas, Faíscas da Pontraga e Os da Porfía. Cara ó solpor, ás 20:30 h, este mesmo espazo acollerá un encontro histórico: o do recoñecido gaiteiro escocés Allan MacDonald xunto a Chick McAuley & friends, unindo Escocia e Galicia a través da música.
O broche de ouro da noite será na Praza da Quintana a partir das 22:00 h con dúas das figuras máis relevantes da nosa música de raíz: a inconfundible voz de Felisa Segade e a gaita vangardista de Budiño.
Todo isto complementado polas ruadas que durante toda a xornada protagonizarán Trópico de Grelos e Os Enxebres de San Lázaro, garantindo o ambiente festivo nas rúas da cidade. Ademais, a Praza de Mazarelos acollerá un mercado de artesanía de 11h a 22h.
O Compostela TradFest é un evento organizado polo Concello de Santiago e promovido por La Voz de Galicia, co patrocinio de Espina & Delfín. A produción corre a cargo de Nordesía Producións e aCentral Folque, e conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, no marco dos Concertos do Xacobeo.



