
Unha colección de once cancións e poemas que nos transportan ao novo universo musical e poético d’A Pedreira
Segmento cantábrico é o primeiro disco en solitario de Ugia Pedreira (Marful, Nordestin@s, Chouteira, Ecléctica Ensemble, Descarga ao Vivo, A Comuna del Barruzo) que a artista asina co seu apelido.
Trae Segmento Cantábrico ar fresco do norte, o vento da súa travesía; un elegante equilibrio entre instrumentos máis orgánicos combinados coa música electrónica vintage, achegando un minipoemario. Baixo o título Atalaia Norte, nel A Pedreira plasma a inspiración que desde nena lle proporciona a conexión por vía marítima coas tribos, clans e pobos bañados polo Océano Cantábrico, desde Ortegal en Galicia, á illa de Ouessant, na Bretaña francesa.
Estamos ante un disco no que conflúen e se mesturan spoken word, poesía e canción; un álbum de composición folk, de folk progresivo, que aúna formas tradicionais do litoral cantábrico con outros sabores da world music europea e do folk americano.
Letras, poemas da propia artista, do pintor e poeta vigués afincado en Londres Enrique Gavilanes, das Follas Novas de Rosalía de Castro, da poeta do Val de Lourenzá Marina Oural, do escritor Carvalho Calero ou a poeta Xela Arias, compoñen este traballo no que a bipolaridade do orgánico e o tecnolóxico, os extremos, os límites, as marxes, a música como curación, o aproveitamento e o consumo responsable dos recursos cotiáns están expostos.

Despois de 12 discos gravados, sempre ao redor de artistas diversos, e de xiras internacionais e colaboracións variadas, A Pedreira preséntase aquí cunha madurez escénica irrevogable, cunha voz que ben podería ser a voz do blues galego, coa paixón do rock e un amplo coñecemento das músicas populares de raíz.
A Pedreira ten cambiado o rumbo da escena galega varias veces, a nivel creativo, nas coidadas postas en escena, a nivel didáctico ou de xestión. Estas novas composicións saen do que considera máis xenuíno nela mesma: o pensamento emitido dun verso ou dunha palabra. «A escritura é o meu templo», que diría DJ Spooky.
O novo camiño da Pedreira vai da man do produtor musical e compositor bretón Pierre-Yves Rougier que pon a carne necesaria ás melodías e palabras, que son os esqueletos das cancións da Pedreira, que desta vez buscou a inspiración en arquitecturas sonoras tan diferentes como a música barroca, o metal, o techno, os cantos tibetanos, os seus propios difónicos, o folk irlandés e bretón, o son máis chamánico…

Sen prexuízos e coa consciencia de que habitamos unha construción Panxea da arte, nunha colaxe maior onde a entropía persoal marca verosimilitude, o disco vén envolto de músicas que son útiles para Ugia e Pierre na casa, coa súa filla Lúa que mora a través do oído primario, nos sons congruentes co seu modo de vivir. Como dicía Foucault, que o real verídico sexa o propio relato de cada quen. Por iso viaxan sonoramente polos tambores tribais, rememorando aqueles cantautores folk dos 70, agradecendo a música dos 80, explorando sons en estampas (motores de barcos, cigarras, pés no lodo da ría…).
O deseño e tipografías do proxecto son obra de Xavier Belho. A foto da portada é de Óscar Górriz. Da produción musical, arranxos e premesturas encargouse Pierre-Yves Rougier, no estudio Ty Awel, en Castropol. A mestura e masterización final correron a cargo de Arturo Vaquero en Abrigueiro Estudios (Friol).
Colaboran Ivan Laxe, no baixo, e Alberto M. Lamas, na stelle guitar.