Puuluup
ESTONIA
Puuluup é un dúo musical formado por Marko Veisson e Ramo Teder. Dous músicos experimentados do kannel ou hiiu kandle, un instrumento tradicional de corda pulsada de Estonia.
Aínda que se coñeceron en 2014, non foi ata catro anos despois cando se creou o proxecto Puuluup co disco Süüta mu lumi (2018). Este álbum foi considerado Álbum étnico/folk do ano nos Estonian Music Awards. Logo lanzaron os sinxelos Kasekesed (2019) e Käpapuu (2020).
En 2020, os Puuluup recibiron o premio anual da organización Eesti Kultuurkapitali pola súa contribución e enriquecemento á música folk de Estonia. O segundo álbum da banda saíu en 2021 co título Viimane suusataja. Foi un éxito de crítica e grazas a iso foron considerados a banda e o álbum do ano nos Estonian Music Awards. O 18 de decembro de 2023, o Ministerio de Asuntos Exteriores recoñeceu aos músicos cun premio cultural por levar a música de Estonia ao mundo, xa que xuntos actuaron en Alemaña, China, Estados Unidos, Finlandia, Hungría, República Checa e Suecia.