O festival Maré, Músicas e Artes atlánticas celebrará do 21 ao 25 de setembro a súa XVIII edición, a terceira en Santiago de Compostela, cunha destacada presenza de mulleres artistas no cartel.
O festival Maré, Músicas e Artes atlánticas acada a súa maioría de idade cunha nova edición da que veñen de avanzarse as primeiras confirmacións. O cartel inicial deste 2022 inclúe a banda escocesa Capercaillie, que actuará acompañada da Real Filharmonía de Galicia nun espectáculo único, a artista angolana Pongo, o brasileiro Chico César, o quinteto feminino catalán Maruja Limón, a arxentina Sofía Viola e as galegas Guadi Galego e Antía Muíño.
Fiel ao seu espírito de intercambio cultural entre territorios que comparten lazos lingüísticos, históricos e sentimentais, Maré 22 volve apostar pola diversidade, o feminismo e as novas lingüaxes artísticas con propostas de calidade, moi variadas nos seus estilos e na procedencia dos sons.
Desde Escocia, a banda de música tradicional Capercaillie, coa exquisita voz de Karen Matheson no centro, protagonizará un dos grandes concertos desta edición. Con máis dun millón de álbumes vendidos en todo o mundo e considerados os responsables de levar a música celta ao escenario mundial, Capercaillie unirase á Real Filharmonía de Galicia no espectáculo inaugural deste Maré 22.
Cunha ampla representación feminina, a organización vén de avanzar as primeiras incorporacións ao cartel desta edición que inclúe o peche da xira Costuras, de Guadi Galego. Será cun concerto moi especial no que contará con varias colaboracións sobre o escenario de amizades artistas. Tamén estará neste Maré 22 a cantautora galega afincada en Donostia Antía Muíño e a súa delicada e sedutora mestura entre a renovada canción de autor, a tradición e o pop, con evocacións que van dende o jazz ata a bossa nova cantada en galego.
Neste cartel inicial dado hoxe a coñecer figura a angolana Pongo e súa fusión de kuduro, afrobeats, favela funk e afrofunk, que aposta por combinar xéneros e linguas como método para derrubar barreiras culturais. Sadikila, o seu álbum de debut vén cheo de música potente e adictiva para animar calquera festa.
A lenda viva da música brasileira, Chico César, recalará neste Maré 22 dentro da xira de presentación do seu novo traballo. Vestido de amor é un disco multicultural con ritmos brasileiros, occidentais, caribeños e africanos que van desde o forró, reggae xamaicano, calypso e coco, pasando por un electrizante rock urbano. Tamén dende o Brasil, a Orquestra Voadora, famosa polo seu «bloco» no Carnaval de Río, percorrerá as rúas de Compostela cunha gran festa carioca.
Desde o Rajasthan, na India, os Barmer Boys traerán ao festival Maré as tradicións musicais seculares do folk e a música sufí, cunha gran versatilidade de estilos e unha enerxía desbordante en cada actuación, na que incorporan o beat-boxing e set dj en directo.
O quinteto feminino residente en Barcelona, Maruja Limón, e a súa música vitalista que oscila entre o flamenco, o pop e os ritmos latinos, tamén pasarán polo Maré 22, ao igual que a cantante, compositora e actriz bonaerense Sofía Viola e a súa canción de autor cun toque indiefolk en tangos, milongas, cumbias, vallenatos, boleros ou blues, entre outros ritmos que absorbe e compón.