
O Festival Maré. Músicas e Artes Atlánticas presentou o martes 15 de setembro a programación da súa edición 2026, que se desenvolverá en Santiago de Compostela entre os días 23 e 27 de setembro. O festival volverá converter a cidade nun espazo de encontro entre culturas, linguaxes e tradicións musicais, cun programa que reúne máis de 30 espectáculos, catro producións propias, oito propostas inéditas en Galicia e artistas procedentes de máis de 16 países e con presenza de 12 linguas. Na rolda de prensa participaron: Vítor Belho, director de Nordesía; Faia Díaz, cantante; Valentín García, secretario xeral de Lingua da Xunta de Galicia; Marcos Gómez Román, comisario do Xacobeo 2027; Miriam Louzao, concelleira de Capitalidade Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica de Santiago de Compostela e Alejandro Vargas, pianista.
O Maré mantén así a súa aposta por construír pontes entre territorios a través da música, combinando propostas de raíz con linguaxes contemporáneas e xéneros tan diversos como o jazz, o folk, o rock, o reggae, a trova cubana, a samba, o fado, o blues ou a música de raíz.
A programación articúlase en tres grandes ámbitos: a programación xeral do festival, o Maré Club e o Maré Lab, tres espazos complementarios que permiten atender tanto á experiencia do público como ao encontro entre artistas, profesionais e axentes culturais.
Facer de Galicia unha célula de universalidade
Ao longo da presentación do festival quedou de manifesto a relación de espello entre Maré e a cidade de Santiago. O responsable do festival, Vítor Belho, explicou que en moito sentidos “En moitos sentido o carácter de Maré é o da cidade de Santiago: aberto, plural, con xente moi diversa procedencia que quere convivir mentres disfruta do espazo”. No mesmo sentido se expresaron a concelleira de Capitalidade Cultural e Turismo, Miriam Louzao, que sinalou a Maré como un festival que “encaixa moi ben con Santiago e coa idea da cultura como un dereito, como outra forma de participación e como forma de descuberta e de integración”.
O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, continuou con esta relación do festival coa cidade ampliándoa ao espírito dos peregrinos e do Xacobeo, “un espírito de encontro, de orixes diferentes que se xuntan para participar en algo para todos, que é unha idea que responde tamén á forma de entender o Camiño de Santiago”. Valentín García, secretario xeral de Lingua, sinalou que o espírito integrando de Maré responde tamén a quel vello ideal dos galeguistas históricos, “facer de Galicia unha célula de universalidade na que a cultura galega se encontra con outras culturas e comparte con elas encontros, concertos, e todas as actividades do Festival Maré”.
Faia, unha das artistas do programa deste ano do Festival Maré sinalou que esta cita para ela “é como a súa casa e que ademais do gusto de cantar e de facelo nas condicións e no espazo deste ano, na Igrexa da Universidade, sempre teño esa sensación de non poder ir a todos os concertos pola intensidade e extensión do programa”.
Unha programación xeral que conecta continentes
Entre os grandes nomes desta edición destaca Aterciopelados, unha das formacións fundamentais do rock latinoamericano, que abrirá a programación o 23 de setembro na Sala Capitol. Tamén forman parte do cartel Haydée Milanés & Javier Colina, que presentarán no Teatro Principal o seu diálogo arredor da canción cubana; Omar Souleyman, referente internacional do dabke electrónico; e Magalí Sare, que estará acompañada polo coro de cámara compostelán Vox Stellae nunha proposta especial arredor do seu proxecto Descasada, vol. 1.
A edición contará tamén coa presenza da británica ALA.NI, da brasileira Bia Ferreira, de Marcos Coll, Camille & Matthieu Saglio, Josyara, Jupiter & Okwess, Trilitrate, Faia, Expresso Transatlántico e outras propostas procedentes de diferentes territorios e tradicións.
Dentro desta programación terá un lugar destacado Maré Recomenda, que este ano pon o foco no músico portugués António Zambujo, unha das voces máis recoñecidas da música popular e do fado contemporáneo de Portugal. O concerto terá lugar o 26 de setembro no Auditorio de Galicia.
Outro dos momentos centrais será Cuba canta en Maré, unha produción propia que reunirá o sábado 26 na Sala Capitol diferentes voces e sensibilidades da música cubana e da súa diáspora en Galicia. O proxecto estará encabezado por Alejandro Vargas Trío e Reynier Aldana, aos que se sumarán artistas convidadas e convidados como Lindiana Murphy, Frank Delgado, David Álvarez, Loidis Taboada, Wöyza e Rafael Briseño. Unha noite que percorrerá o son cubano, o jazz e a salsa desde a experiencia da diáspora cubana en Galicia.
A programación completarase o domingo cunha nova produción, Misa «El Bosque Negro», protagonizada por Alejandro Vargas e Gino Sitson, que levará á Igrexa da Universidade un diálogo musical entre África e América.
Maré Club: a música continúa cando cae a noite
O Maré Club amplía a experiencia do festival máis alá dos grandes escenarios e achega a programación a diferentes salas e espazos de Compostela, apostando por formatos máis próximos e pola convivencia entre artistas locais, estatais e internacionais.
Durante os cinco días do festival, salas como Casa das Crechas e Riquela, entre outras, acollerán concertos e sesións que completan o programa principal e permiten descubrir novas propostas nun contexto máis íntimo e nocturno.
Deste xeito, o Maré Club funciona como unha extensión natural do festival: un espazo para continuar a conversa, descubrir outras músicas e favorecer o encontro entre públicos e artistas.
Maré Lab: un espazo para crear, compartir e pensar
A programación do Maré Lab reforza unha das principais características do festival: a vontade de ser tamén un espazo de creación, intercambio e reflexión arredor das músicas e das culturas contemporáneas.
O Maré Lab incorpora encontros, experiencias, procesos de creación e actividades vinculadas ao diálogo entre artistas e comunidades, favorecendo a colaboración e o intercambio de coñecementos. A través deste programa, o festival afonda na súa vocación de laboratorio e de punto de conexión entre creadoras e creadores procedentes de diferentes territorios.
Nesta edición, esta dimensión estará especialmente ligada ás producións propias do Maré, ás colaboracións entre artistas de diferentes procedencias e ás propostas que exploran novas formas de relación entre tradición e contemporaneidade. Entre elas destacan os proxectos Cuba canta en Maré, Misa «El Bosque Negro» e De Zemambiquo a Zigala, colaboración entre o músico mozambicano Cheny Wa Gune e A Pedreira que funcionará como peche destaedición.
Día Europeo das Linguas
O sábado 26 de setembro, coincidindo co Día Europeo das Linguas, Maré propón unha xornada que exemplifica a súa vontade de poñer en diálogo Galicia con outras culturas, linguas e tradicións musicais. A creación galega terá unha presenza destacada a través de tres propostas: Trilitrate, Lideira e Faia, que achegan ao festival diferentes aproximacións á música galega contemporánea, desde a experimentación e a mestura de linguaxes ata a revisión da tradición e da música de raíz. Xunto a elas, a programación do día contará con figuras e formacións internacionais como António Zambujo, ALA.NI, Shooglenifty e Jupiter & Okwess, e culminará con Cuba canta en Maré, un encontro arredor da música cubana e das súas conexións coa diáspora, que reunirá no escenario da Sala Capitol diferentes voces e sensibilidades. Unha xornada, en definitiva, que fai da diversidade lingüística e cultural o fío condutor dunha programación aberta ao intercambio entre territorios.
Entradas xa dispoñibles a través da web oficial do festival: mare.gal




