Soul, blues, psicodelia, swing e pop galego e internacional sonarán este venres 10 pola noite no Escenario Xacobeo do campo de fútbol Ara Solis.
A VI edición do Fisterra Blues Experience bota a andar este venres, 10 de xuño, con tres grandes actuacións no mítico campo de fútbol Ara Solis.
Os encargados de inaugurar o festival serán o compostelán Adrian Costa, un dos músicos máis respectados do xénero en España, e súa Blues Band. Polo Escenario Xacobeo pasará, a seguir, unha das voces e figuras claves da música galega dos últimos anos, a artista de Cedeira Guadi Galego. O músico de Burundi, refuxiado no Reino Unido e afincado en Madrid desde hai uns anos, J. P. Bimeni, pechará co seu soul magnético esta primeira xornada xunto a The Black Belts.
J. P. Bimeni & The Black Belts
Descendente da familia real de Burundi, J.P. Bimeni escapou do seu país con 15 anos durante a guerra civil e o xenocidio do 1993. Tras múltiples atentados contra a súa vida, incluído un intento de envelenamento, obtivo o status de refuxiado e fuxiu a Gales, onde obtivo unha bolsa de estudos e comezou a sentirse atrapado pola música de Ray Charles, Bob Marley, Marvin Gaye e o seu grande ídolo, Otis Redding.
Pese á súa viaxe vital, chea de crises e experiencias dolorosas, Bimeni mantén a crenza de que o amor é o noso futuro colectivo. Mentres o seu álbum debut, «Free Me», aclamado pola crítica, foi unha celebración alegre e superfunk, «Give Me Hope» é unha reflexión máis profunda da necesidade de unidade e dun sentido de comunidade global.
Neste segundo traballo hai toques gospel e a dozura de Sam Cooke, poderosos metais e liñas de baixo que evocan tanto a Sharon Jones e The Dap-Kings como a Fela Kuti, xunto a un punto psicodélico, todo animado pola incríbel profundidade vogal de Bimeni.
The Black Belts contribúen coa súa bagaxe á variedade de matices en «Give Me Hope», un álbum de soul no que se reflicten moitos outros xéneros, que agora traen en directo a Fisterra.
Guadi Galego
Guadi Galego é unha das artistas máis relevantes da escena galega actual, froito dunha longa andaina musical que comezou sendo moi nova. A súa capacidade para a composición, a versatilidade e a sensibilidade á hora de interpretar, son os seus sinais de identidade.
O novo traballo de Guadi Galego, «Costuras», amósanos a autora tal como é, con temas que viaxan desde mundos asociados á súa infancia ata o presente máis duro e á vez esperanzador. O álbum aúna 10 cancións de Guadi Galego e Carlos Abal, e conta coa colaboración de dúas poetas, Antía Otero e Marina Oural, e da cantante catalá Paula Grande.
A produción musical, a cargo de Olivera Estudi, dá un novo aspecto ás creacións de Guadi, que entra en campos electrónicos, sen esquecer a parte máis orgáni- ca, creando texturas únicas dentro do pop.
Guadi Galego é unha artista fundamental para entender a música galega dos últimos 20 anos, de Berrogüeto ao seu nome propio. Unha artista que non deixa de se reinventar manténdose sempre fiel á súa esencia.
Adrian Costa Blues Band
O compostelán Adrián Costa é un dos representantes máis valorados do blues español. Logo de dar os primeiros pasos na música con 13 anos na súa cidade natal coa banda The Red Blues Band, no 1999 múdase a Madrid xunto co armonicista Marcos Coll, para formar parte da Tonky Blues Band. Nela terá a oportunidade de colaborar con artistas da altura de Buddy Miles (Jimi Hendrix Band of Gypsys) e Mick Tauylor (The Rolling Stones).
Varios anos despois, Marcos e Adrián deciden formar un novo grupo co nome de Los Reyes del K.O. co que gravarán 6 discos e terán presenza en numerosos festivais europeos. Tras unha longa estancia en Berlín, Adrián decide trasladarse á Baía de San Francisco onde comeza a traballar coa súa banda Adrián Costa Blues Persuasion e a colaborar con artistas como Billy Boy Arnold, Jackie Payne, Kenny ‘Blues Boss’ Wayne, Mark Hummel, Chris Burns ou Earl Thomas.
Blues, funk e soul son algúns dos xéneros máis característicos deste músico, aos que lles engade as súas raíces latinas. Adrián Costa é un guitarrista brillante cunha voz poderosa que non concibe a música sen o baile, espírito co que chega ao Fisterra Blues Experience xunto á súa banda, composta por músicos cunha longa experiencia na escena do blues en Europa.