- O festival celebra o seu décimo aniversario na emblemática vila mariñeira consolidando a súa aposta pola sostibilidade e a calidade artística
- A cita conta un ano máis co apoio da Xunta de Galicia a través dos Concertos do Xacobeo

Música, territorio e natureza son os tres eixes fundamentais do Fisterra Experience. O festival, que regresa este mes de xuño á vila mariñeira de Fisterra, conta co apoio dos Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia. Terá lugar os días 26, 27 e 28 de xuño.
O Fisterra Experience celebra o seu décimo aniversario cunha oferta musical e cultural inmersiva dende unha mirada integradora, comunitaria e sostible. A programación combina actividades de balde con concertos de pago nunha das paraxes máis incribles da costa europea.
Tres días de música e boa enerxía
O festival arrancará o venres 26 de xuño de xeito inmellorable no Escenario Xacobeo, situado na Rúa da Foliada, da man de grandes nomes do panorama musical galego como o dúo Caamaño & Ameixeiras, o grupo Adhara & Ritman e o DJ Kike Varela. Os tres concertos son de balde.
O sábado 27 de xuño concentrará o groso da programación. A xornada dará comezo no Escenario Xacobeo ás 12:00 h co obradoiro infantil de harmónicas que impartirá Marcos Coll, e no que se agasallará unha harmónica da marca Hohner a quen participe. Neste mesmo espazo, a partir das 13:00 h, haberá xogos populares para desfrutar en familia, o concerto de Marcos Coll e Javier Turnes, tapas de autor da man de Noela Torres e Brais Pichel e sesión DJ. Todo de balde.
Pola tarde, ás 17:30h, terá lugar a primeira sesión de “Música a Bordo” -de pago-, en colaboración con Cruceiros Fisterra. Unha oportunidade para gozar dun concerto íntimo con Mr. Cool mentres se navega en barco pola ría. Ás 18:30 h, a poesía tomará o mando no Bela Fisterra co recital poético de Rosalía Fernández Rial e a presentación de “RONSEL”, con Marcos Coll e Rosalía. Ambas actividades de balde.
Pola noite, o Escenario Xacobeo acollerá a partir das 21:00h o prato forte da fin de semana cos concertos de DEPEDRO, Catuxa Salom, Haylen e DJ Panko. Entradas á venda na web do festival.
O domingo 28 de xuño porase o broche de ouro coa segunda sesión do “Música a Bordo” -de pago-, nesta ocasión co prestixioso tándem de Marcos Coll e Javier Turnes. O final de festa definitivo celebrarase co concerto de Gran Bazar e cunha espectacular Jam Session gratuíta no Semáforo de Fisterra (Cabo Fisterra), onde Marcos Coll, Javier Turnes e The Centolo Cousins unirán forzas nun directo irrepetible co Atlántico como pano de fondo.
Compra de entradas
As entradas individuais para os concertos de pago podes mercalas directamente AQUÍ.
O festival, producido por Nordesía, conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, no marco dos Concertos do Xacobeo; co patrocinio de Estrella de Galicia e a colaboración de Cruceiros Fisterra, Bela Fisterra e o Semáforo de Fisterra.



