- A última edición do festival batiu o record de público, chegando ás 8.000 persoas nos cinco días de duración e consolidándose na cidade.
- Programáronse 25 actuación de diferentes estilos musicais, e perto de 200 músicos pasaron polos diversos escenarios do certame.

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2023. A última edición do Festival Maré, celebrado a pasada semana en Compostela, ademáis bater o seu récord histórico de público, tamén xerou un importante impacto no tecido económico da cidade.
Por vez primeira na súa historia, o festival acadou a cifra de 8.000 persoas que asistiron ao certame, das cales arredor de 4.000 mercaron unha entrada para os concertos de pago. O sábado, 23 de setembro, coa xornada de música na rúa na Praza de Mazarelos, foi o día máis concurrido do festival, que recibiu ese día a metade do total do seu público.
A organización do festival xerou 70 postos de traballo, dos cales 30 deles foron directos, en departamentos como producción ou comunicación, e outros 40 indirectos, vinculados a tarefas de montaxe e desmontaxe de escenarios e loxística de equipos de son e iluminación.
Ao longo dos cinco días de duración, o Festival Maré contratou na cidade 100 habitacións distribuidas entre diferentes establecementos hoteleiros da cidade. Nestas habitacións aloxáronse moitos dos artistas chegados de diversos países do mundo, así como arredor de quince programadores e promotores chegados doutras partes do Estado, e de países como India, Mozambique ou Italia.
O festival programou 25 actuacións, e perto de douscentos artistas subiron aos diversos escenarios que formaron parte do mesmo, como o Auditorio de Galicia, Salón Teatro e Teatro Principal e outros espazos habituais de concertos como a Sala Capitol, o Riquela Club ou a Casa das Crechas. Moitos artistas fixeron estreas dos seus espectáculos, tanto absolutas como por vez primeira en Galicia. Como os cataláns Pol Batlle e Rita Payés, estreando o seu disco “Salt Mortal”, a escocesa Soom T & The Stone Monks, o británico Don Letts, a brasileira Livia Mattos ou os marroquinos Aïta Mon Amour. Outras bandas como Fetén Fetén, Maro ou Fado Bicha fixeron concertos especiais coa presenza de artistas galegos como Guadi Galego, Mondra, Anxo Pintos e Begoña Riobóo, ou Caamaño e Ameixeiras.
Houbo unha presenza dun 40% de artistas galegos, algún dos que se presentaban por vez primeira, como a cantante emerxente compostelana Gloria Pavía, que avanzou o seu primeiro disco, “Flores Novas”.
Fiel á súa filosofía de buscar unha integración orgánica coa cidade, Maré incorporou prazas e espazos da Cidade Vella de Compostela, como a Praza de Mazarelos ou as diferentes rúas polas que discorreu a marexada percuta.
Outro dos grandes logros da última edición foi a penetración do certame no tecido social, cultural e do patrimonio musical de Compostela. Institucións musicais como a Real Filharmonía de Galicia e a Banda de Música Municipal de Santiago integráronse nos espectáculos de Amancio Prada e Abraham Cupeiro respectivamente, que fixeron dúas estreas absolutas na Maré. Prada nun histórico concerto de apertura estreando a versión sinfónica dos seis poemas galegos de Federíco García Lorca, e Cupeiro coa estrea do espectáculo “Panxea”.
A histórica agrupación popular Cantigas e Agarimos tamén interviu con Amancio Prada, e outras formacións, como o Coro da Rá, formaron parte do espectáculo da artista portuguesa Maro, ou a Banda das Crechas celebrou a Kepa Junkera, mesturada coas artistas vascas Basadreak ou as pandereteiras Kadrou.
Lonxe da idea de macroconcertos e buscando a cercanía de artistas e público, a última edición de Maré posiciona ao certame como un Festival de Outono, chamado a ser referente en Compostela.
En Setembro de 2024, Maré celebrará o seu vixésimo aniversario, para o cal prepara unha celebración especial a altura dunha efeméride tan sinalada, para a cal xa traballa na presenza de numerosos artistas.