- A cantautora brasileira formará parte da selección de artistas internacionais programados para o festival que se desenvolverá en Santiago entre o 20 e o 24 de setembro.
- O Rabelo, unhe des creadores trans galegos máis destacados, abrirá a actuación cun concerto previo.
- Ata o 31 de xullo o festival oferta un abono para asistir á totalidade das actuacións por só 50 euros.
Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2023. O festival Maré, que terá lugar do 20 ao 24 de setembro en Santiago de Compostela, contará coa actuación da brasileira Bia Ferreira. A cantautora está a presentar o seu novo disco «Faminta» e con este concerto porá fin á súa xira europea. Ela describe a súa música como MMP (Música de Mulher Preta, ou, en galego, Música de Muller Negra) e trata temas dende o feminismo ao antirracismo, pasando pola homofobia e as vivencias queer. A brasileira estase a converter nunha das referentes da escena independente contemporánea.
Xunto con ela, o Maré contará coa actuación previa d’O Rabelo, un des creadores da escena queer en Galicia máis destacades da actualidade. Na súa música mestura o tradicional con rap e ritmos de reguetón. En 2022 estreou o seu álbum «Suor», con potentes letras sobre o amor, os coidados e as súas vivencias como persoa queer. Agora está a traballar no seu segundo álbum «Silva».
As entradas individuais para a actuación de Bia Ferreira e O Rabelo xa están dispoñibles e poden ser adquiridas na plataforma entertiket.com por 20 euros máis gastos de xestión. Porén, a oferta musical do Maré para este setembro de 2023 é moito máis ampla. Ata o 31 de xullo poderase adquirir un abono para asistir á totalidade das actuacións musicais, coloquios e moitas outras actividades que ofertará o festival entre o 20 e o 24 de setembro. Entre elas, a de Havana D’Primera, un dos grandes grupos cubanos do momento, que pechará o festival na Sala Capitol o 24 de setembro.
Bia Ferreira é unha das apostas fortes do Maré este ano polas súas potentes letras e a súa mestura dos ritmos R&B, jazz e reagge. A cantante, compositora, produtora musical e «artivista», como ela mesma se define, comezou os seus estudos musicais con tan só 3 anos. O seu traballo «Cota Não É Esmola» foi un dos seus primeiros éxitos. Versa sobre a situación das mulleres no Brasil e o sistema de cotas de acceso á universidade no país lusófono.
En Spotify acumula máis de 78.000 escoitas mensuais, máis de 13 millóns de visitas en Youtuve e un longo historial de activismo no seu país. A súa experiencia vital e a súa forza discursiva convertérona nunha referente das loitas do movemento antirracista, feminista e queer no mundo.
En 2019 lanzou o seu álbum «Igreja Lesbiteriana: Um Chamado», a modo de manifesto do seu propósito de vida: nunca calar fronte á opresión. Este disco fala de feminismo, antirracismo, de privilexios, afeito e amor dende unha perspectiva combativa e a través dunha mestura de ritmos R&B, soul, reagge, jazz e blues. A finais do 2022 estreou «Faminta», o seu novo disco, no que recupera estes ritmos e volve a letras reivindicativas. É tanto que así o son que foron descritas como “escrivivência”, un termo que emprega Conceição Evaristo para aquelas persoas que “contan as nosas historias dende as nosas perspectivas”.
Dentro da diversa programación que ofertará o festival Maré en setembro na capital galega, tanto Bia Ferreira como O Rabelo son dúas apostas fortes no eido musical. Neste especial concerto entrarán en contacto as novas reformulacións da música tradicional cos ritmos brasileiros, todo acompañado dun trasfondo reivindicativo.
Os seus videoclips
Algunhas das cancións de BIA FERREIRA:
- Cota Não é Esmola (2019) https://open.spotify.com/track/2tZjLmkezixxTLxJB8eFlT?si=e909dbab560141b4
- Último lanzamento. O seu álbum Faminta (2022) https://open.spotify.com/track/5kvP2foAVQeYWxvozMLYgv?si=7c43add159fb49f9
- Não Precisa Ser Amélia (2019) https://open.spotify.com/track/6FDZdbHaAHY6a1JvOg7Fbo?si=d977cd0e39db4957
Algunhas das cancións d’O RABELO:
- Muinheira do Suor (2022) https://open.spotify.com/track/0Lib7mIUNRUNEAAUJHo3pq?si=7bbb55ec02fa449e
- Tenho Uma Colega (2022) https://open.spotify.com/track/6k0km4uVtBMl9vpV4r0Dj0?si=2ecd8480d75d4d90