
- Súmanse á programación Maro, Pol Batlle i Rita Payés, Fado Bicha e Fetén Fetén, que renovan o tradicional dende a intimidade e a reivindicación.
- O Principal será un espazo de confluencia, aberto a artistas emerxentes, diversidade sexual e linguas minorizadas entre o 20 e o 24 de setembro.
- Xa están dispoñibles as entradas para estes concertos, así como Bia Ferreira e o Rabelo, Havana D´Primera e Don Letts Dj Set.
Santiago de Compostela, 23 de agosto de 2023. O festival Maré de Músicas e Artes Atlánticas quere encher Santiago de cultura, de melodías e voces renovadoras. Entre o 20 e o 24 de setembro, o histórico Teatro Principal será un dos centros en torno aos cales xire a programación deste festival que conecta tradicións de portugal, latinoamerica e Galicia.
O Teatro Principal acollerá no marco de Maré unha programación íntima e cercana, de voces de cantautores en diferentes linguas, de diferentes procedencias e contextos, que traen á capital galega os seus proxectos máis persoais. Con esta premisa, preséntanse seis propostas excelentes: os portugueses Maro e Fado Bicha, o dúo catalán de Pol Batlle con Rita Payés, a brasileira Livia Mattos e os burgaleses Fetén Fetén.
As entradas para estes espectáculos xa se poden adquirir na web de mare.gal, onde se poden mercar de xeito individual para cada un dos concertos. En paralelo, seguen á venda as entradas para os cubanos Havana d’Primera, a transgresora Bia Ferreira e o DJ set do mítico Don Letts e o concerto de Soom T & The Stone Monks. Todas elas terán lugar na Sala Capitol con prezos entre os 15 e os 30 euros. Ademais, o festival acaba de lanzar un abono reducido para acceder á totalidade de actividades que se celebrarán a semana do 20 ao 24 de setembro. Xa se pode mercar neste enlace.

A compositora, multi-instrumentista e produtora lisboeta, Maro, inaugurará o mércores 20 de setembro os concertos. En sintonía co que propuña no seu proxecto ‘Itsame, Maro!’, dedicado a promover a colaboración a distancia, a artista portuguesa volta a Santiago para colaborar con diferentes artistas nunha proposta renovadora neste emprazamento único.
Despois de gañar o Festival da Canção e representar ao seu país en Eurovision no ano 2022 co seu tema ‘saudade, saudade’, Maro acaba de lanzar ‘hortelã’ en marzo do 2023. Neste novo disco, adpota unha liña moito máis folk e acústica. Ademais, o seu último traballo foi gravado en formato trío, xunto cos músicos cataláns Darío Barroso e Pau Figueres, que a acompañan na súa xira de presentación por España.

Pol Batlle e Rita Payés únense nun dueto máxico que o festival Maré levará o venres 22 de setembro a Santiago de Compostela. Pol Batlle presentou en 2022 o seu primeiro traballo, producido polo galardonado nos Latin Grammys, Juan Berbín, e acompañado pola voz de Rita Payés. A súa xira de presentación levou a estes dous artistas cataláns a presentar o disco nos auditorios e salas máis importantes de España e Italia.
Pol Batlle foi descrito como “unha nova bocanada enerxética que te pode tombar dunha sóa canción”. As súas altísimas dotes de interpretación aseguran un espectáculo incríble e máxico xunto con Rita Payés nesta especial combinación.
Fetén Fetén é o proxecto musical de Jorge Arribas e Diego Galaz. Naceu no 2009 da necesidade destes dous músicos burgaleses de poñer banda sonora ás súas influencias e lembranzas, facendo unha orixinal lectura da música popular e tradicional. No seu directo podense escoitar violíns, o serrucho, e unha peculiar flauta-silla de camping. Chotis, vals, seguidillas, habaneras…encherán o sábado 23 de setembro o Teatro Principal de ritmos bailables que paga a pena deterse a escoitar. Haberá varias sopresas con colaboracións de varios artistas galegos.

Por outra banda, a acordeonista e cantautora Livia Mattos, nada en Salvador, estivo durante anos xirando con outros artistas consagrados como Chico César, Rosa Passos ou a Orquesta Sinfónica de Bahía, entre outros. No ano 2017 lanzou o seu primeiro álbum, Vinha da ida, con letras inventivas e fusións coas raíces brasileiras, recibindo grandes eloxios por parte da crítica. Esta artista multidisciplinar transita entre a linguaxe musical e outras linguaxes como a danza, o circo, o audiovisual ou o teatro. En Maré, presentará o seu novo disco ‘Apneia’, o domingo 24 de setembro.

Fado Bicha é un proxecto de fado queer desenvolto por Lila Fadista, voz e letras, xunto con João Caçador, instrumentos e arreglos. No escenario exploran o universo do fado e os límites do xénero tradicional, abrindo oco a narrativas que aínda non tiñan cabida dentro deste tipo de música. Falan de xénero, pero tamén de colonialismo, racismo, feminismo, dereitos dos animais… Todo ten cabida dentro do seu fado. Subvirten as regras preestablecidas e tópicos do fado tradicional portugués e reivindican o dereito a reapropiarse dun patrimonio cultural que tamén pertence ás comunidades históricamente marxinadas. Esta proposta, que empurra os límites da normatividade, poderá desfrutarse o domingo 24 de setembro dentro da programación do Maré.
Desde este venres 23 de agosto xa se poden mercar os abonos para a prevenda destes concertos, que traen a novidade dende o tradicional e dende o íntimo ao Teatro Principal de Santiago de Compostela.
Artistas xa confirmados para Maré 2023
- Bia Ferreira presenta FAMINTA, coa actuación previa d’O Rabelo: Xoves, 21 de setembro ás 21.00h.
- Soom T & The Stone Monks e Don Letts DJ Set: Venres, 22 de setembro ás 21.00h e ás 23.15h na Sala Capitol.
- Alexander Abreu y Havana D’Primera: Domingo, 24 de setembro ás 23.00h na Sala Capitol.
A súa música
Deixamos por aquí unha selección de videoclips dos artistas que estarán no Teatro Principal durante o festival Maré, do 20 ao 24 de setembro.