O mítico grupo galego de hip hop, Dios Ke Te Crew, volve á carga con novo EP e avanzan videoclip do tema «Haters», protagonizado por Xosé A. Touriñán. O concerto de presentación será o 27 de maio na Sala Capitol.
A música galega está de noraboa. Os Dios Ke Te Crew avanzan o que será o seu novo traballo, que verá a luz a comezos do próximo mes de maio. En que ano estamos?! é o título deste EP, que sae trala parada obrigada dos últimos dous anos de pandemias e novas anormalidades e co que regresan por fin aos escenarios. A presentación oficial será nun concerto na Sala Capitol de Santiago de Compostela o venres 27 de maio ás 22 h.
En que ano estamos?! chega tres anos despois de publicaren O ciclo da serpe (LP, 2019) e vén con 5 novos tracks, a cal máis fresco e contundente. 5 hits cheos de dinamismo lírico e musical, dos que xa anticiparon fondo e estética con “OG”, o primeiro adianto do álbum e un auténtico crossover feat. Boyanka Kostova que xa acadou a categoría de himno galego 2.0.
Este EP supón un paso máis aló na rica e extensa carreira musical da banda, co que Mou, Sokram, Jamas e Dj Murdock sacan de novo o mellor de si mesmos, máis cómodos e en forma ca nunca achegándose a distintos xéneros, pero sempre baixo a batuta do seu inconfundible hip hop. As diferentes texturas vocais e os estilos versátiles dos tres Mc´s desbordan sobre instrumentais eclécticas nunha perfecta combinación de enxeño, humor, poética e habilidades narrativas.
Destaca tamén o track “A Molar», feat. High Paw, outra das interesantes colaboracións deste novo EP, no que a talentosa singjay de Vigo aporta unha sonoridade vogal diferente coa que a banda acada un resultado irrefreable, moi apegadizo, agre e doce ao mesmo tempo.
“Haters”, o segundo adianto deste EP, estrearase a primeira semana de maio en formato videoclip. Coprotagonizado polo mediático actor galego Xosé A. Touriñán e dirixido polo premiado director Xaime Miranda, trátase dunha afiada labazada musical chea de sátira e humor na que os DKTC sorprenden achegando o seu contundente hip hop a sonoridades máis próximas ao garaxe-pop máis electrónico. Unha peza audiovisual de gran factura cinematográfica e na que, unha vez máis, os DKTC sacan a relucir as súas capacidades interpretativas nunha delirante narrativa cun épico desenlace.
En que ano estamos?! semella a pregunta máis axeitada nestes tempos de incredulidade e incerteza absoluta, nos que cada novo día se presenta un avance e un retroceso nunha mesma liña temporal que nos desorienta, mergullándonos nunha vertixinosa e volátil realidade. Cada canción deste novo traballo é capaz de arrincar sorrisos incómodos a través de verdades coma puños sen filtros de beleza. Un exercicio de reflexión, sinceridade e espontaneidade que só os Dios Ke Te Crew conseguen, metendo a quen os escoita no seu particular universo apegado á actualidade, cargado de aceda retranca, palpable ironía e certeira sátira.
As entradas para o concerto na Sala Capitol poden adquirirse a través de Enterticket.