
Baixo o título “Circes e Morganas”, a Praza da Quintana acolleu un espectáculo único para celebrar e reivindicar o legado literario e humano de Begoña Caamaño, a homenaxeada no Día das Letras Galegas 2026. Coa praza chea, o evento propuxo unha viaxe sonora e poética polo universo de Begoña, entrelazando música e palabra nun diálogo horizontal entre o público e as artistas participantes.
A través da lectura e de pezas musicais creadas e arranxadas para a ocasión, o espectáculo percorreu as múltiples facetas dunha das voces máis queridas das nosas letras: a de xornalista, feminista, activista, amiga, festeira, amante… Unha muller poliédrica cuxa pegada en nós e na cultura galega segue a ser palpable.
Unha tribo de mulleres sobre o escenario
O espectáculo logrou reunir unha coidada escolma de creadoras que puxeron o corpo, voz e música ao universo de Begoña: Ana Romaní, Xiana Arias, Fillas de Cassandra, Faia Díaz e Tereixa Novo, De Vacas, Alba María, Caamaño & Ameixeiras, Andrea Nunes, Felisa Segade, Merchi Rodríguez, A Banda das Crechas, As Tamborililás Transfeministas, Zeltia Irevire, A Pedreira xunto á súa banda —integrada por Lorena Cachito, Mauricio Caruso e Alejandro Vargas—, Uxía, DJ Mil, Paz Francés e as amigas.
A parte visual, da man da ilustradora Agustina Shuan, acompañou todas as pezas de forma harmónica e colorida a través da pantalla situada no fondo do escenario. Tamén ela foi a autora do deseño do mural que había á entrada da praza, recreando o corvo mensaxeiro de “Circe e o pracer do azul”, e que convidaba ás asistentes a escribir unha carta a Begoña, nunha chiscadela á amizade epistolar entre Circe e Penélope.

O espectáculo de “Circes e Morganas”, organizado pola Deputación da Coruña, contou coa colaboración do Concello de Santiago, a produción de Nordesía e a posta en escea e codirección artística da Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento.



