• Skip to main content
  • Skip to footer

Nordesía

Music management, booking and events production

  • Talento
  • Experiencias
  • Ideas
  • News
  • SUSEIA et ULTREIA
    • Ana Moura
    • Leyla McCalla
    • La Yegros
    • Fotos 2023

Jun 02 2022

Cartel completo do FiBE22, que amplía formato

Guadi Galego súmase ao cartel do VI Fisterra Blues Experience con Ilegales, JP Bimeni, Al Dual, Adrian Costa Blues Band e De Vacas tamén no escenario principal.

collage Fisterra Blues

Haberá actuacións gratuítas nas rúas e prazas de Fisterra, que volven á programación logo de dous anos de pandemia. A “jam no faro” ou o “Jazz a bordo” son outras das propostas que ofrece este festival na súa sexta edición. En total, tres días de experiencias únicas, do 10 ao 12 de xuño, coa música, a natureza e a excelente gastronomía da zona como alicientes.

O Fisterra Blues Experience, que se celebra do 10 ao 12 de xuño, chega á súa VI edición con formato estendido. Tras dous anos de pandemia, este singular evento de localización privilexiada aumenta a súa programación e regresa ás rúas, o porto ou a lonxa de Fisterra con espectáculos para todos os públicos.  

O cartel deste FiBE 22 encabézano Ilegales, JP Bimeni & The Black Belts, Guadi Galego, que se incorpora ao cartel inicial,e Al Dual. Tamén actuarán no Escenario Xacobeo instalado no campo de fútbol Ara Solis, Adrian Costa Blues Band e De Vacas, que farán bailar o público cos seus diferentes estilos. Sonarán moito blues e rock, pero tamén soul, psicodelia, country, swing ou pop.

Ademais desa relación principal de artistas, o Fisterra Blues Experience 2022 celebrará actuacións musicais gratuítas na rúa para toda a familia. O sábado, a localidade converterase no Escenario Fisterra cunha sesión vermú a cargo de Mad Martin Trio, pasarrúas ao máis puro estilo Nova Orleáns da man da Low Bay Hot Band e o espectáculo Little Neno descobre… Os Beatles e Os Rolling Stones, que achegará estas dúas bandas míticas ás idades máis temperás.

Celebrarase tamén a xa clásica “jam no faro” desde a terraza do Semáforo de Fisterra,de entrada libre ata completar cabida, conducida pola Fisterra House Band feat. Degüello. A banda residente do festival participará, así mesmo, no “jazz a bordo”, para o que xa se poden adquirir as entradas e ao que subirán na quenda do domingo Tato & Espiño, dous grandes artistas da escena musical compostelá. 

Hotel o Semaforo de Fisterra.
Hotel o Semaforo de Fisterra. El hotel del fin del mundo.

Co seu famoso faro, dos máis occidentais da Europa continental, Fisterra é terra de termo e final do Camiño para moitos peregrinos que continúan ruta desde Santiago, atraídos polas lendarias postas de sol sobre o horizonte Atlántico e as incribles panorámicas da Costa da Morte.

Coa súa natureza agreste, praias salvaxes e excelente gastronomía, Fisterra celebra esta nova edición dun festival que, máis alá diso, é unha experiencia na que música, patrimonio, ocio e cultura entretecen unha rede que ofrece a quen se achegue unha fin de semana única. 

Evento blues Concertos do Xacobeo Fisterra Fisterra Blues Experience música natureza soul

Footer

SUBSCRIBE

BE SOCIAL

  • Email
  • Facebook
  • Instagram
  • Twitter
  • YouTube

Nordesía Produccións © 2023       Terms of Use · Privacy Policy