- Esta actuación especial será no Auditorio de Galicia de Santiago, o mércores 20 de setembro, coa orquestración e dirección de David Fiuza e a colaboración do coro Cantigas e Agarimos.
- Será a primeira celebración da xira que conmemora os 50 anos do histórico disco «Vida e Morte», gravado en París en 1973 e Prada tocará, entre outros, varios dos temas deste álbum na primeira parte deste concerto.
Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2023. O Festival Maré, que terá lugar en Compostela entre o 20 e o 24 de Setembro, abrirá a súa programación o mércores 20 de setembro no Auditorio de Galicia de Santiago, cunha estrea especial. Por vez primeira, o histórico cantautor Amancio Prada presentará coa Real Filharmonía de Galicia a versión sinfónica dos Seis Poemas galegos de Federico García Lorca, coa orquestación e dirección de David Fiuza e a colaboración especial do Coro Cantigas e Agarimos.
Maré continúa deste xeito unha liña de fomento da produción propia, conectando colectivos musicais da cidade con artistas de todo o mundo. A Real Filharmonía de Galicia xa abrira o festival en 2021 co Mali Trio da Kali (Mali) e en 2022 coa mítica banda escocesa Capercaille. Maré aposta deste xeito por ser o catalizador das conexións de Galiza co mundo a través das conexións lingüisticas, culturais, históricas e emocionais.
Amancio Prada (Dehesas, León, 1949), é unha figura de referencia e un dos grandes difusores do corpus poético galego e español a través das súas composicións. Cunha prolífica discografía plasmada en 36 álbums, gran parte deles en galego, Prada transformou a obra escrita de grandes poetas en cancións populares que acabarían formando parte da memoria colectiva de varias xeracións. Desde a lírica dos trovadores galego-portugueses, San Juan de la Cruz ou Agustín García Calvo, pasando por Miguel Hernández, Celso Emilio Ferreiro, Álvaro Cunqueiro e os seus adorados Rosalía de Castro e Federico García Lorca.
O cantautor do Bierzo comezara en 2009 a traballar arredor dos Seis Poemas galegos de Lorca, cuxa obra completou coa publicación en 2014 do disco «Federico García Lorca, poeta en Galicia». Neste concerto especial que abrirá o Festival Maré será a primeira vez que se interpreten os poemas de Lorca en versión sinfónica, e suporá a segunda vez na historia que colaboren Amancio Prada e a Real Filharmonía de Galicia. Será vinteseis anos despois de teren rexistrado en 1997 o fermoso disco «Rosas a Rosalía», con colaboración como María del Mar Bonet, María Dolores Pradera; Martirio ou Marisa Paredes. «Será unha obra pensada en forma de suite, unha obra única e contínua en seis movimentos, fluindo coa mesma naturalidade que amosou Lorca», afirma Prada sobre este traballo que considera «unha homenaxe a Galicia e á súa alma».
Celebrando 50 anos de“Vida e Morte”, primeiro disco de Amancio Prada, gravado en París en 1973
Este concerto especial que abrirá o Festival Maré terá o seu prato forte na estrea sinfónica dos poemas galegos de Lorca, pero tamén haberá unha primeira parte cargada de emoción. O motivo é que suporá a primeira das actuacións da xira «Celebrando 50 anos desde Vida e Morte», na que o artista lembrará este disco fundacional. Deste xeito, haberá unha parte para a celebración e outra para reivindicar un prolífico traballo creativo que segue mirando ao futuro.
Gravado en París en 1973, e publicado en Francia por vez primeira en xaneiro de 1974, «Vida e Morte» converteuse, con España aínda no franquismo, nun disco de culto que ía de man en man de xeito clandestino. Composto dunha ducia de cancións, a metade de elas en galego, foi un dos traballos pioneiros en musicar poetas en lingua galega, pasando a cancións poemas de Rosalía de Castro, pero tamén outros poetas contemporáneos de aquel momento como Celso Emilio Ferreiro ou Darío Xohán Cabana, que escribiu o poema do que toma o título o álbum.
Poemas transformados en cancións como «María Soliña» ou «Como chove miudiño», pasaron ao acervo popular interpretados por Amancio Prada, nun disco no que tamén musicou a poetas como Miguel Hernández, Nicolás Guillén o berciano Luis López Álvarez e poemas seus propios en galego e castelán.
«Vida e Morte» está considerado un dos discos fundacionais da música galega e que, segundo as palabras do artista, «contén a semente de todo o traballo que chegaría despois». A celebración dos 50 anos deste disco estruturarase arredor dunha xira internacional, un documental, un novo disco do autor e outras iniciativas que se anunciarán proximamente.
As entradas para o concerto de Amancio Prada e a Real Filharmonía de Galicia están xa á venda na web do festival mare.gal e na páxina enterticket.es que xa anunciou tamén a presenza doutros artistas de relevancia internacional como a cantautora brasileira Bia Ferreira, o cubano Alexander Abreu e Havana D’Primera ou o británico Don Letts, que traerá o seu DJ set á capital galega. Ademais, o festival acaba de poñer á venda, tras o éxito dos anteriores abonos totais, unha segunda tanda de entradas para a totalidade das actividades polo prezo de 100 euros. Con ela, teráse acceso a todos os concertos que se enmarcan dentro do festival.
Artistas xa confirmados para este Maré 2023
- MARO + convidados. Xoves, 21 de setembro no Teatro Principal. Entradas dispoñibles en: https://mare.gal/entradas-maro/
- Bia Ferreira presenta ‘Faminta’, co concerto previo d’O Rabelo. Xoves, 21 de setembro na Sala Capitol. Entradas dispoñibles en: https://mare.gal/entradas-ferreira-rabelo/
- Pol Batlle con Rita Payés. Venres, 22 de setembro no Teatro Principal. Entradas dispoñibles en: https://mare.gal/entradas-pol-batlle-rita-payes/
- Soom T & The Stone Monks e o DJ Set de Don Letts. Venres, 22 de setembro na Sala Capitol. Entradas dispoñibles en: https://mare.gal/entradas-don-letts-soom-t/
- Fetén Fetén + convidados. Sábado, 23 de setembro no Teatro Principal. Entradas dispoñibles en: https://mare.gal/entradas-feten-feten/
- Livia Mattos e Fado Bicha. Domingo, 24 de setembro no Teatro Principal. Entradas dispoñibles en: https://mare.gal/entradas-livia-mattos-fado-bicha/
- Alexander Abreu y Havana D’Primera. Domingo, 24 de septiembre na Sala Capitol. Entradas dispoñibles en: https://mare.gal/entradas-alexander-abreu-havana-dprimera/