- O público posto en pe, despediu cunha ovación de máis de cinco minutos, a apoteósica actuación do cantautor na estrea da versión sinfónica dos seis poemas galegos.
- Hoxe comezan as actuacións por diversos espazos da cidade, coas actuación de Abraham Cupeiro e a Banda Municipal de Santiago, Maro no Teatro Principal, a piques de esgotar as entrdas, e Bía Ferreiro e O Rabelo na Sala Capitol.
Santiago de Compostela, 21 de Setembro de 2023. O Festival Maré, de Músicas e Artes Atlánticas, arrancou este mércores cun concerto espectacular do histórico cantautor Amancio Prada e a Real Filharmonía de Galicia. A estrea da versión sinfónica dos seis poemas galegos de Federico García Lorca, orquestada e dirixida por David Fiuza, entusiasmou ao público que encheu o Auditorio de Galicia. No remate do espectáculo, de máis de dúas horas de duración, todo o público posto en pe, ovacionou por dúas veces, durante varios minutos, o extraordinario concerto que puideron desfrutar.
Amancio Prada fixo unha primeira parte do concerto de xeito máis íntimo, onde el só coa súa guitarra, ao estilo dos cantautores de toda a vida, quixo enfrontarse ao público que enchía o recinto. Prada apareceu vestido de negro, e amosouse cercano co público, mesturando moitos dos seus temas históricos con relatos e anécdotas da dúa longa traxectoria. Sonaron temas rosalianos como «Campanas de Bastavales», «Como chove Miudiño», e outros clásicos do seu repertorio como «Libre te quiero».
Pero o mellor estaba por vir despois do descanso. A estrea da versión sinfónica dos seis poemas galegos de Federico García Lorca non defraudou. Un Amancio Prada pletórico, acompañado da Real Filharmonía de Galicia, puxo en pe un Auditorio de Galicia ansioso de vivir un momento histórico. O cumio da actuación foi a entrada no escenario do Coro Cantigas e Agarimos e a apoteósica reunión coa Real Filharmonía no escenario, para cantar a «Romaxe da Nosa Señora da Barca». Ao remate o público respondeu cunha longa ovación de máis de cinco minutos.
Comezan as actuacións nos diversos espazos: Abram Cupeiro, Maro, Bia Ferreira e O Rabelo
Hoxe comezan as actuacións en diversos espazos da cidade con algúns dos artistas máis interesantes da programación, sempre elaborada na idea de mesturar artistas e promover as colaboracións con formacións locais ou artistas novos.
Ás 18,00 horas o sorprendente multiinstrumentista Abraham Cupeiro presentará o seu espectáculo «Pangea», xunto coa Banda de Música Municipal de Santiago. Cupeiro destaca por rescatar e darlle vida a instrumentos perdidos no tempo, popularizando algúns como o Karnyx, instrumento da Idade de Ferro. Este concerto está previsto na Praza de Praterías pero, se o tempo non o permitise, pasaría a celebrarse á mesma hora no Salón Teatro.
Ás 20,00 horas, o Teatro Principal acollerá a actuación de Maro, a última gañadora do «Festival da Cançao» en Portugal, e unha das novas estrelas da música portuguesa. Co seu hipnótico folk acústico, Maro chega a Maré para presentar «Hortelá», o seu último disco de 2023. Contará como convidadas con Uxía, a violinista Antía Ameixeira, os cataláns Rita Payés e Pol Battlle e as voces do Coro da Rá.
O último concerto do día será ás 21.30 horas na Sala Capitol, coa esperada actuación da reivindicativa artista brasileira Bia Ferreira. Coa súa enerxética mestura de R&B, jazz e reagge e unhas letras cheas de munición activista reinvidicando o papel das mulleres, Bia Ferreira presenta en Compostela o seu último disco «Faminta».
O concerto comezará coa actuación previa de O Rabelo, un dos artistas emerxentes da escena queer galega.
Programa do día
19.00. Pangea. Interpretada por Abraham Cupeiro xunto coa Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela no Salón Teatro (transladado por choiva). Será un concerto de balde.
20.00. Maro e convidados no Teatro Principal. A cantautora portuguesa compartirá escenario con outros artistas galegos como Antía Ameixeiras, o Coro da Rá, Pol Batlle e Rita Payés ou Uxía.
21.30. O Rabelo na Sala Capitol. O artista galego abrirá o concerto na sala santiaguesa coa súa mestura de rap e música tradicional.
22.30. Bia Ferreira presenta Faminta, o seu novo disco, na Sala Capitol. A cantautora brasileira presentará o seu novo álbum.
0.30. DJ Panko na Casa das Crechas.