- As entradas para a actuación do histórico artista coa Real Filharmonía de Galicia, que dirixirá David Fiuza, levan esgotadas desde hai varios días.
- Outras actuacións, como a da portuguesa Maro no Teatro Principal ou a da espectacular banda de salsa de Alexander Abreu e Havana D’Primera na Sala Capitol, levan tamén camiño de esgotar as localidades.
- Maré programaráun total de 25 bandas de diversos estilos musicais, procedentes de ata dez países, entre este mércores 20 e o domingo 24.

Santiago de Compostela, 20 de Setembro de 2023. O Festival Maré de Músicas e Artes Atlánticas, arranca este mércores en Santiago de Compostela, coa esperada actuación do histórico cantante do Bierzo Amancio Prada, xunto coa Real Filharmonía de Galicia. Coa orquestación e dirección de David Fiuza, Prada e a Real Filharmonía estrearán a versión sinfónica dos Seis Poemas Galegos de Federico García Lorca, tendo como convidados ao coro Cantigas e Agarimos. Hai días que todas as entradas están vendidas e o Auditorio de Galicia rexistrará o cheo das grandes noites.
“Isto é un agasallo caído do ceo a estas alturas da miña vida”, manifestou onte Amancio Prada na presentación de Maré, facendo unha pausa nos ensaios que está tendo nos últimos días co director David Fiuza e os músicos da Filharmonía.
Este espectáculo suporá tamén o inicio da xira “50 anos desde Vida e Morte”, coa que o artista celebrará as súas cinco décadas no mundo da música, desde que en 1973 gravase en París este disco emblemático. Prada fará unha primeira parte do concerto lembrando temas deste disco, así como outros emblemáticos da súa extensa traxectoria.
A actuación está programada para as 20,30 horas, e desde as 17,00 horas a Radio Galega estará en directo no Auditorio de Galicia cun programa especial do Diario Cultural adicado á apertura do Festival Maré, no que estarán, entre outros, o propio Amancio Prada, o director do festival Vítor Belho ou a xove artista Gloria Pavía, que debutará en Maré co seu primeiro disco “Novas flores”.
Tamén estará a artista e escritora Chefa Alonso, antes de que presente na Librería Númax, ás 19,00 horas, o seu libro “Improvisación Libre, la composición del movimiento” (Ed. Cántico). Alonso é compositora e profesora e traballa sobre a capacidade compositiva da improvisación libre, tamén a través da formación musical “Molimo” que actuará no Teatro Principal no marco do Festival Maré, acompañada pola poeta Marina Oural.
Ademáis das entradas esgotadas para o concerto de apertura de Amancio Prada, outras actuacións, como o da portuguesa Maro o noves 21 no Teatro Pincipal , con convidadas como Antía Ameixeiras e Uxía, ou o cubano Alexander Abreu e Havana D´Primera o domingo 24 pechando Maré, van camiño tamén de esgotar as localidades. Restan algo máis de 60 entradas para a nova estrela de Portugal, e xa está cuberto arredor do 80% do aforo na Sala Capitol para o concerto de clausura de Maré co carismático Alexander Abreu.
Outros dos espectáculos principais de Maré na Sala Capitol serán os da brasileira Bía Ferreira, o xoves 22 ou a noite da escocesa Soom T & The Stone Monks, xunto con Don Letts Dj Set, o histórico músico que formara parte de Big Audio Dynamite xunto con Mick Jones de The Clash.
Todos os espectáculos, información e venda de entradas poden consultarse en mare. gal
Programa do día
17.00. Radio Galega en directo dende o Auditorio de Galicia, co seu programa Diario Cultural
19.00. Presentación do libro ‘Improvisación libre. A composición en movemento’ na librería Numax
20.30. Amancio Prada & RFG e Cantigas e Agarimos no Auditorio de Galicia. Concerto polo 50 Aniversario do disco fundacional de Amancio Prada, ‘Vida e Morte’. Ademais, presentaranse en versión filharmónica os ‘Seis Poemas Galegos’ de Federico García Lorca
Podes descargar nesta ligazón o programa completo por días do festival Maré