- A recoñecida cantautora galega foi elixida por un xurado independente entre máis de 1.000 propostas internacionais
- A maior conferencia das músicas celebrarase en Gran Canaria do 21 ao 25 de outubro, reunindo a milleiros de profesionais do sector

A música galega volve situarse no epicentro da escea internacional. A aclamada cantautora, psicóloga e activista cultural A Pedreira (Ugía Pedreira) foi a única española na selección oficial para formar parte da primeira vaga de artistas que protagonizarán os prestixiosos Official Showcases do WOMEX 2026.
O WOMEX (Worldwide Music Expo), recoñecido como o encontro de músicas do mundo máis importante a nivel internacional, celebrará a súa vindeira edición en As Palmas de Gran Canaria do 21 ao 25 de outubro de 2026. Trátase dun escaparate global inigualable que reunirá a miles de profesionais da industria musical e ofrecerá decenas de actuacións en directo repartidas en múltiples escenarios.
Unha elección entre máis de 1.000 propostas mundiais
A inclusión de A Pedreira no WOMEX é un fito de enorme relevancia, xa que foi elixida por un xurado independente e internacional entre máis de 1.000 candidaturas procedentes de todos os recunchos do globo. Un recoñecemento que pon en valor a sólida traxectoria da cantautora, que suma máis de 30 anos e 12 álbums publicados.
A súa participación no WOMEX 2026 é unha oportunidade histórica para proxectar unha voz imprescindible no panorama cultural galego, un talento único que rompe barreiras e fronteiras a través da súa música. Como ela ben canta en “Se me apuras”, “todo país é aldea, todo estado familia e toda casa, nación”.




