A Coruña será a próxima sede de WOMEX, o mercado profesional internacional máis importante das músicas do mundo e da diversidade, segundo o recoñecemento da Unesco.
Así o destacou a alcaldesa da Coruña no anuncio deste evento en María Pita. No acto de presentación, Inés Rey estivo acompañada por Alex Walter, director de Womex, Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e Xurxo Couto, deputado delegado de Cultura da Deputación da Coruña.

En primeiro lugar, a alcaldesa agradeceu a aposta da organización deste evento pola cidade, que se converterá na capital da world music en outubro do 2023, e tamén o compromiso das administracións autonómica e provincial para apoiar esta iniciativa que lidera o Concello da Coruña.
Womex realízase cada ano nunha cidade europea con proxección como destino turístico, capacidade estrutural para acoller grandes eventos e unha visión ambiciosa na súa política cultural. Inés Rey sinalou neste sentido que A Coruña reúne todas esas condicións e Womex constitúe unha oportunidade única para demostralo e por iso foi elixida entre aspirantes moi competitivos de toda Europa, «tanto polas nosas infraestruturas e equipamentos culturais como pola nosa personalidade e dimensión cosmopolita, pero tamén cómoda e amable». Precisamente o director de Womex, Alex Walter, salientou na súa intervención que A Coruña ten todo o que este grande encontro precisa, desde patrimonio cultural ata modernos equipamentos e espazos no centro da cidade, así como infraestrutura hoteleira, polo que augurou que Womex terá un impacto económico moi importante na Coruña.

A presentación oficial da Coruña como sede de Womex 2023 realizarase este domingo, 23 de outubro, na clausura da presente edición, que terá lugar en Lisboa, onde a cidade estará representada para promocionar a súa oferta cultural, equipamentos e espazos, así como o seu rico patrimonio arquitectónico, histórico e, como non, unha gastronomía de alta calidade.
A alcaldesa sinalou que con iniciativas como a presentada hoxe, A Coruña está retornando ao lugar que lle corresponde como unha das cidades españolas de referencia para acoller e promover eventos de toda índole a escala internacional, como xa se demostrou recentemente no cume hispano-alemán ou coa intensa programación musical do verán, coa que a cidade se afianzou como un dos grandes polos de atracción turística do norte de España e como unha cidade capaz de albergar grandes eventos que repercutan «no noso prestixio, reputación e visibilidade, e que eses valores se traduzan en xeración de riqueza, emprego e atracción de investimento», salientou Inés Rey. Engadiu que Womex situará A Coruña de novo como un referente internacional, neste caso no eido da música e a diversidade cultural, contribuíndo a tecer novas redes para enriquecer a gran plataforma de multiculturalidade que é Womex.

Womex 2023 congregará na Coruña durante unha semana arredor de 3.000 congresistas, que abranguen desde programadores, promotores, empresas discográficas e xornalistas nacionais e internacionais ata artistas chegados/as de todo o mundo no eido da música folk, de raíz, étnica ou tradicional. Trátase dun encontro que une economía e cultura, con intensas xornadas de networking combinadas con eventos e intercambios culturais a través de conferencias, concertos, proxeccións, show cases e encontros profesionais nun dos sectores máis influentes na cultura mundial.
O director de Agadic, Jacobo Sutil, destacou tamén a sua satisfacción por que Womex retorne a Galicia, tras case 30 anos nos que se realizou en destacadas cidades europeas. Salientou non só o que supón no ámbito da proxección da cidade no ámbito cultural e a oportunidade de internacionalización que supón para as e os artistas galegos, senón tamén o impacto económico que deixará na Coruña, estimado en torno a 2 millóns de euros, tendo en conta os resultados de edicións anteriores.
Pola súa banda, o deputado Xurxo Couto fixo fincapé na importancia de que A Coruña sexa a cidade que acolla este importante evento, para destacar que a Deputación colaborará en todo o posible para que acade o maior dos éxitos. «Este evento vai poñer a cultura galega no mapa mundial e todos miraremos á Coruña nesa semana de outubro», salientou Couto, para avanzar que todas as administracións traballarán arreo para que acadar o máximo posicionamento e visibilildade.