Outros dos seleccionados na Península son: Raúl Rodríguez (fillo de Martirio) e Lula Pena na selección oficial; e Korrontzi e Custódio Castelo no Atlantic Connections

Davide Salvado, Uxía e Germán Díaz serán os representantes da música galega no WOMEX 14. Outros dos seleccionados na Península son: Raúl Rodríguez (fillo de Martirio) e Lula Pena na selección oficial; e Korrontzi e Custódio Castelo no Atlantic Connections. Esta feira atrae a uns 2.500 profesionais de todo o mundo, entre os que se encontran 800 programadores e máis de 300 xornalistas.



Esta mañá presentouse na Cidade da Cultura a programación da vixésima edición de WOMEX, a maior feira mundial das músicas do mundo, que se celebrará en Santiago de Compostela do 22 ao 26 de outubro. Na rolda de prensa estiveron presentes Jesús Vázquez, conselleiro de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria; Reyes Leis, concelleira de Economía e Turismo de Santiago; Beatriz González Loroño, directora xerente da Cidade da Cultura; e Antonio Martinez, de Nordesía Produccións, empresa promotora do evento en Galicia.

A organización de WOMEX vén de facer público os artistas elixidos de todo o mundo por parte do seu xurado internacional de expertos. Entre eles están o cantante galego Davide Salvado na selección oficial internacional; e no escenario local (Atlantic Connections) foron elixidos a cantante Uxía e un dos máis importantes zanfonistas europeos, Germán Díaz, quen reside desde hai anos en Galicia. 

WOMEX fai unha selección que toca tres xéneros moi representativos en Galicia: por un lado o folclore e o baile, que representa Davide Salvado; no caso de Uxía, unha voz recoñecida, e no caso de Germán, recoñécese o importante papel da zanfona desde o Medievo.

Ademais, dentro das conferencias que teñen lugar en WOMEX haberá unha sobre a música folc galega que será impartida polo profesor e investigador Sergio de la Ossa (Madrid, 1978).

Paso de xigante para a música galega

WOMEX recibiu máis de 850 candidaturas de músicos de todo o mundo para participar nesta edición, das cales 50 eran galegas. Hai que lembrar que este é un paso de xigante para a música galega, dado que en 20 anos de historia de WOMEX só unha artista galega fora seleccionado na súa selección oficial (Mercedes Peón en 2010), e moi poucos actuaron na feira e de xeito testemuñal.

No resto da Península, os elixidos para a Selección Oficial son o guitarrista Raúl Rodríguez (fillo de Martirio) e Lula Pena, unha cantora portuguesa. En canto ao escenario local (Atlantic Connections), as novas incorporacións son Korrontzi (País Vasco) e Custódio Castelo (Portugal). 

Na sección oficial, ademais dos xa mencionados, están artistas de máis de 30 países: Batida (Angola/Portugal), Driss El Maloumi Trio (Marrocos), Ed Motta (Brasil), El Gusto Orchestra (Alxeria/Francia), Guayo Cedeño & Coco Bar (Honduras), Maarja Nuut (Estonia), Madeeh (Malasia), Maru Tarang (India/Australia), Mayito Rivera & The Sons of Cuba (Cuba), Sékouba Bambino (Guinea-Conakry/France), Orkesta Mendoza (USA), Spiro (UK), Paolo Angeli (Italia), Ajinai (China), Baloji (Congo/Bélxica), Bostich (México), Cesaria Évora Orchestra (Cabo Verde), Džambo Aguševi Orchestra (Macedonia), Ester Rada (Israel), Ethiocolor (Etiopía), Frank Yamma (Australia), Ilkka Heinonen Trio (Finlandia), Cuenta i Tambu (Curaçao/Holanda), Noreum Machi (Corea do Sur), Otava Yo (Rusia), Oum (Marrocos/Francia), Söndörgő (Hungría), Tribu Baharú (Colombia) e Troker (México). 

Atlantic Connections

Atlantic Connections é o escenario local que acollerá propostas musicais da Península Ibérica e de América Latina. Para este escenario foron seleccionados por un xurado, ademais de Uxía e Germán Díaz, o grupo folc biscaíno Korrontzi, o cantautor portugués Custódio Castelo e os baianos Sertanília (Brasil). Nas vindeiras semanas coñeceranse o resto dos seleccionados.

WOMEX é un encontro profesional para o sector das músicas do mundo, que inclúe unha feira profesional, uns 60 showcases (concertos), atrae a uns 2.500 delegados e 1.260 empresas de máis de 90 países, entre os que hai 800 programadores, máis de 500 selos, editores e distribuidores, así como máis de 300 xornalistas (e 130 emisoras de radio). Ademais, tamén acolle un DJ WOMEX Summit, conferencias e ‘mentoring’ a cargo de 80 oradores e mentores de máis de 25 países; proxeccións de filmes, etc. 

WOMEX 14 encherá Compostela de música durante cinco días nos seguintes espazos: 

WOMEX Day: feira profesional no recinto do Museo Centro Gaiás, premios, conferencias, networking...

WOMEX Night: os 60 showcases celebraranse durante tres noites en diferentes recintos e prazas da Cidade Vella de Compostela: Praza da Quintana, Teatro Principal, Salón Teatro, Auditorio Abanca e Sala Capitol.

WOMEX leva celebradas 19 edicións por toda Europa (en cidades como Berlín, Bruxelas, Estocolmo, Rotterdam, Sevilla, Copenhague, Tesalónica ou Cardiff) e celebrará a súa vixésima edición en Santiago de Compostela, motivo polo cal acollerá unha programación especial. 

WOMEX está organizado pola empresa Piranha Musik, con sede en Berlín (Alemaña), que tamén é responsable doutros eventos como Classical: NEXT (Viena), Porto Musical (Recife, Brasil) ou Atlantic Music Expo (AME), en Cabo Verde. 

Como socio local forma parte da organización Nordesía Produccións. Fundada en 1996, esta produtora foi un dos axentes máis importantes da "world music" en Galicia e na Península. Desenvolveu a súa actividade principalmente no ámbito do management, da produción de eventos e na distribución de artistas internacionais. Presente en WOMEX desde 1997, Nordesía ten un papel destacado na promoción internacional da música galega.

Como entidades patrocinadoras figuran a Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura e AGADIC, o Concello de Santiago e INCOLSA, e o Goberno de España a través do INAEM. 

Impacto na música e na economía de Galicia

En 2009 profesionais do sector musical co apoio da Consellería de Cultura acordan poñer en marcha unha estratexia destinada a impulsar a internacionalización da música galega e converter a Galicia en sede do WOMEX será o primeiro paso. Santiago de Compostela competiu con outras cidades como Dublín, Valencia, Glasgow ou Madrid para organizar esta edición, que conta cun amplo consenso social e sectorial. 

WOMEX 14 é o máis importante evento cultural en Galicia dos últimos anos. Trátase dunha grande oportunidade para a música galega, pero tamén para a proxección internacional da nosa cultura e para o posicionamento de Santiago e de Galicia no mundo. 

Ademais do valor cultural, o Womex supón un extraordinario efecto económico e de imaxe na cidade que o hospeda, que se valorou nas últimas edicións nun impacto positivo no PIB de máis de 2,5 millóns de euros. Ademais, aproximadamente un 80% do custe da produción reverte directamente nas empresas galegas. Asemade, hai que engadirlle o impacto na imaxe de marca da cidade, do país, do seu tecido cultural e da súa industria musical derivado da visibilidade que produce o impacto internacional da Feira.

Agora mesmo xa están rexistrados máis de 1.000 delegados (un 5% máis que na pasada edición de WOMEX), o que supón unhas 4.000 pernoctas no sector hostaleiro compostelán. Ademais xa están vendidos o 70% dos stands da feira.