31.07.03 Eastleigh Summer Festival (Inglaterra)
01.08.03 Cambridge Folk & Blues Festival (Inglaterra)
02.08.03 Cambridge Folk & Blues Festival (Inglaterra)
03.08.03 Dranouter Folk Festival (Bélgica)
05.08.03 49º Sidmouth International Festival (Inglaterra)
09.08.03 Macerata (Italia)
10.08.03 Altamura (Italia)

BERROGÜETTO comezou o 31 de Xullo unha xira por Inglaterra, Bélxica e Italia para participar en algúns dos mellores e máis recoñecidos Festivais que se realizan nestes países.

Deste xeito BERROGÜETTO continúa a ser un dos artistas galegos máis demandados na escena internacional ao ser ésta a décima xira consecutiva que o grupo realiza por terras europeas nos últimos seis anos.

BERROGÜETTO comezou a sua xira en Eastleigh, unha pequena vila ao sul de Inglaterra no que se celebra un festival que é xa toda unha referencia na súa rexión e no que Berrogüetto tocou xunto a consagrados artistas do rock e do pop como Bob Geldof, The Levellers ou The Drifters.

Os festivais de Sidmouth (49ª edición) e Cambridge (39ª edición) son xunto a Glastonbury os máis importantes festivais no seu xénero; nestes festivais BERROGÜETTO compartiu escenario con artistas como La Bottinne Sourriante, Afro Celts, Shooglenifty, Orchestra Baobab e un longo etcétera de grandes artistas procedentes na sua maioría do mundo da música folk e "world music".

O festival de Dranouter é o máis importante de cantos se celebran en Bélxica; en Dranouter Berrogüetto tivo a oportunidade de tocar xunto a artistas pouco habituais dos Festivais Folk como é o caso da tamén galega Luz Casal ou de artistas ben coñecidos da escena internacional como Hooverphonics, Gotan Project, Trilok Gurtu, Beth Gibbons...

Os concertos en Macerata e Altamura forman parte dos concertos que, BERROGÜETTO ven realizando en Italia nos últimos anos; país no que a banda galega conta cun importante numero de seguidores, especialmente do norte do país. Os concertos que terán lugar os días 9 e 10 de Agosto terán como escenario duas fermosas vilas do centro e sul do país, esta zona do país aínda non fora visitada polo grupo nos numerosos concertos que o grupo realizou en Italia, o último deles foi en Milán en Maio pasado, no que o grupo arrincou longas e emotivas ovacións da audiencia.

Durante estes seis meses do 2003, Berrogüetto apresentou o seu último traballo discográfico HEPTA, en diferentes localidades de España, Portugal e Italia para comezar agora unha xira internacional que se prolongará no 2004 en países como Holanda, Francia, Escocia, Alemania, Canadá, Brasil...

BERROGÜETTO foi nominado aos "Grammy latinos" ao mellor album Folk no ano 2002 polo seu traballo HEPTA.

BERROGÜETTO prepara neste 2003, varios proxectos para o ano 2004 entre os que se atopa a provable edición dun disco que inclúa o material gravado en anos anteriores para unha serie de TV sobre as enerxías renovables.

Para máis información ou entrevistas contactade con Nordesía Produccións:
Isabel Vilaseco 981 555 930 ou info@nordesia.com
Teléfono en xira: 629 81 86 00
Web RealPlayer Streaming Ampliar