|
De
Galicia a Maputo, pasando por Cracovia e Lisboa. NARF, o proxecto
do polifacético músico Fran Pérez rompe as
barreiras e convírtese nunha das aventuras musicais máis
interesantes na última década en Galicia. A batidora
deste músico consegue pratos con sabores diversos: rock,
pop, ritmos africanos, melodías con arrecendo a poesía
galegos-portuguesa, etc. Trátase NARF da nova identidade
para un músico inquedo, que investiga no ritmo e na harmonía.
Para un inventor de formar de compoñer. Para un cancionista,
como el se define.
A finais dos oitenta formaba parte de Nicho Varullo e Kinindiolas,
grupos de rock que levaban as súas cancións estomacais
polos locais de Santiago de Compostela. A necesidade de buscar espazos
propios conduciuno xunto a un grupo de persoas comprometidas coa
música e o teatro a formar parte da compañía
Chévere, cuxas montaxes distinguíronse polas bandas
sonoras orixinais compostas por Fran Pérez. Máis tarde
abrirían a NASA, espacio artístico xa imprescindible
en Galicia, e chegarían éxitos como o obtido coa opereta
Annus Horribilis, considerado o mellor espectáculo musical
pola crítica de Barcelona.
Ao longo dos anos fóronse estreitando os vencellos deste
músico con Portugal e, por extensión, con África.
A través da súa participación no Festival Tom
de Festa da localidade portuguesa de Tondela, entrou en contacto
co sector cultural neste país actuando habitualmente nos
seus escenarios. Neste momento a aventura africana do músico
está nun punto de máximo interese. Recén chegado
de Maputo (Moçambique), onde prepara xunto ao grupo Timbila
Muzimba un espectáculo conxunto para o vindeiro 2006, NARF
prepara un novo proxecto musical tras Directo en Compostela, editado
en 2004. O single Quero ser tambor, un tema impactante no que o
autor musica un poema do escritor mozambicano, Jose Craveirinha,
será o seu adianto neste Nadal.
|