|
Tcheka
triunfa en Europa co seu retrato musical da vida cotiá das
illas de Cabo Verde, de onde procede. Despois dun primeiro album,
Argui! (2003), no que xa amosaba unha nova forma de interpretar
o batuque,o seu segundo traballo, Nu Monda - o título significa
"retirar as herbas dañinas"-, afonda no camiño
iniciado traspasando á guitarra os ritmos tradicionais que
habitualmente se obteñen das percusións. Abrangue
outros xéneros como a "tabanka", un rtimos de Carnaval,
ou o talulu, tema tocado no dia de Todos os Santos na illa de Foho.
Este guitarrista e cantor naceu en 1973 no Porto da Ribeira da
Barca, na caboverdiana illa de Santiago. Recibiu as influencias
e o ensino do seu pai, un popular violinista chamado Nhô Raul
Andrade. Aos 15 anos comezou a desenvolver un estilo persoal baseado
no batuque, que el quer convertir nun ritmo universal. Traballou
como cámara para a televisión e xunto ao xornalista
Júlio Rodrigues formou un duo que tocaba nos bares da capital
caboverdiana.
Agora, con dous discos no mercado, e unha morea de actuacións,
a música de Tcheka soa en Europa e atopa un oco en mercados
como o frances e o italiano. A música africana está
de noraboa ao contar entre os seus embaixadores con este xoven músico
de estilo persoal.
|