Uxía
Galicia
De como Uxía se ten convertido en catalizadora de culturas, músicas e artistas diferentes, di moito o espectáculo "Cantos na Maré", deseñado por ela mesma e cuia primeira edición tivo lugar no verán do 2003 na pontevedresa Praza da Ferrería. O escenario transformouse nunha festa multicultural coas mellores voces de Portugal, Brasil, Cabo Verde, Guinné Bissau e Moçambique. A artista amosou a súa capacidade para aunar vontades e convertir en realidade a fusións da música atlánticas cun denominador común: a lusofonía.
A traxectoria de Uxía enmárcase necesariamente na continua percura á que se ten sometido a artista. A percura dun camiño propio, de novos matices para a súa voz, de textos cos que construír cancións. Percura, por suposto, de culturas e músicas que rachan fronteiras, cun achegamento ao ámbito da lusofonía que a converte nunha artista querida e requerida noutros países como Portugal. Neste proceso de consecución dun estilo persoal Uxía, porén, non cesa de atopar polo camiño artistas que se teñen convertido en compañeiros de viaxe e que dan á súa música o sentido que ela sempre ten defendido, que non é outro que ser un elemento de comunicación.

Xa se cumpriron vinte anos desde que a cantante de Mos (Pontevedra) se fixera co primeiro premio do Festival de Bergantiños ao que seguiría o seu debut discográfico Foliada de Marzo, acadando que a súa voz sexa unha das máis populares e valoradas en Galicia. Intégrase posteriormente no grupo Na Lúa, que deixa no ano 1991 para retomar a súa carreira como solista. Chegarían despois os discos Entre Cidades (1991), Estou vivindo no ceo (1995) e Danza das Areas (2000). Ademais, xunto ás cantantes Rasha e María Salgado e o guitarrista Cuchús Pimentel, editou La Sal de la Vida (1998), un disco marcado pola diversidade, polo cruce cultural.

Non hai rupturas, todo responde a unha evolución. Dese xeito o explica a artista e se entende que, malia emprender un camiño en solitario, abra continuamente canles de comunicación con artistas do país e doutras latitudes. Uxía sempre tivo a convicción de que un pobo que cantou desde tempos inmemoriais non pode perder un instrumento tan fundamental como a propia voz.
     
inicio