JABIER
MUGURUZA
Con "Enegarren postala", o seu
último traballo, dan ganas de saborear un grolo de
café. De cubrirse coa manta no mexedor da terraza e
botarlle un chiscar de ollo á lúa. O disco de
Javier transmite tranquilidade, imaxes, sensacións,
olores, cores
Un disco onde o detalle, o momento, o
arranxo e mailo acorde detéñense, sórbense
da taza, interprétanse, síntense e, despois,
avanzan dando paso ó resto da canción. Coma
un tren eléctrico no que cada vagón trae unha
sorpresa.
Trala súa colaboración con
bandas emblemáticas do País Vasco nos anos 80
e fundar o grupo Les Mecaniciens, Jabier Muguruza (Irún,
1960) emprendeu en 1994 unha carreira en solitario con discos
como "Boza barruan" (1994), "Kitarra bat nintzen"
(1996), "Aise" (1997), "Fiordoan" (1999)
e "Hain guapa zaude" (2001) que transcorren polos
parámetros da canción de autor, de espacios
vitais traballados por artistas como Van Morrison, Cohen ou
Llach onde a banda sonora é unha melodía lonxe
de lugares comúns, onde brilla o arranxo cómplice,
o jazz, o intimismo acústico
Acompañados
dos lúcidos textos do propio Javier, Iñaki Irazu,
Bernardo Atxaga, Joseba Sarrionaindia, J.L.Padrón,
Inaziio Mujika, Xabier Lete
A súa vida é intensa. Ten participado
nun disco homenaxe a Jackson Browne, creou un clube literario,
escribiu sete libros e ten ofrecido xiras músico-literarias
da man de Bernardo Atxaga. O acougo que nos trasmite, coma
vedes, non é sinónimo de inmovilidade. Gústalle
utilizar diferentes vías para explorar a súa
creatividade.
Este traballo non representa a súa
madurez, porque xa a acadou hai anos. Representa quizáis
o seu mellor disco porque unha vez trazado o camiño,
trátase simplemente de avanzar nel e con "Enegarren
postala" conseguiu a súa máis sorprendente
paleta de cancións. É o auténtico disco,
e acudimos necesariamente ó tópico, que medra
coas escoitas. Que se apodera dun ata sacarlle sonrisas involuntarias
e ofrecerlle momentos de calma nuns tempos onde todo vai demasiado
apresa.
|