tres cantantes e
tres linguas
para ambientar un
café costumista
MUNDO CAFÉ quere ser un espectáculo que represente un mundo músico-literario imaxinativo, sen fronteiras e sen complexos.

A escena estará presidida por un sofá, dous orelleiros e unha vella cafeteira. Por diante sómentes catro cadeiras, un caixón flamenco, un acordeón, varias guitarras e catro micrófonos. Un espectáculo cos músicos sorbendo café, sempre no escenario, charlando e dando paso o un ao outro con axilidade, con tranquilidade e distensión. A palabra e máis a voz están nas mans dos nosos protagonistas.
JABIER MUGURUZA (Irún), NARF (Santiago) e MIQUEL GIL (Valencia) acumulan premios, boas críticas, tertulias, actuacións e moitas historias nas súas maletas. Tres autores que deixan de mirar ós seus mares de referencia (cantábrico, mediterráneo e atlántico), para aportar enerxía e anécdotas nunha viaxe común.

En MUNDO CAFÉ ímonos reatopar co espírito do café, do acústico, do sinxelo, da taza descuberta a grolos, do fume que enreda na metáfora e se esvae entre o cotián. Imos sentir que estamos nun espacio onde non entran os superheroes nin os profesionais do marketing e a palabra, porque nós queremos vivir nun mundo mellor disfrutando do pequeno.

Sobre o fondo da escena imos proxectar imaxes de Cafés do Mundo, locais de Lisboa, Nova Iorque, Irún, París, Santiago, Bos Aires, Valencia ou Montevideo. Vivimos nun mundo sen fronteiras, cheo de experiencias, sons, estéticas imaxes e anécdotas.

A xira irá acompañada dun CD-libro coa música dos tres autores, ilustracións, textos, reflexións e comentarios de tertulias recollidas nos cafés por eles e por algúns dos escritores que os teñen acompañado nas súas carreiras.

O espectáculo estará dispoñible durante o mes de maio e, fóra desa tempada, segúndo as axendas dos nosos viaxeiros.

Agardamos nos atopar nalgún lugar do mapa. Cun café quente. Saúde!!