|
O
Atlántico impregnará o novo disco da cantante Uxía.
Partindo da tradición e das atmósferas do seu lugar
de orixe, Galicia, Uxía reinventa e personaliza os sons que
a emparentan con países como Portugal ou Brasil. O seu próximo
traballo será un paseo polos ambientes e ritmos destes lugares
para retomar a poesía do seu país, esta vez da man de
autores como Manuel Rivas, Celso Emilio Ferreiro ou Marica Campo.
A
traxectoria de Uxía enmárcase
necesariamente na continua percura a que se ten sometido a artista.
A percura dun camiño propio, de novos matices para a súa
voz, de textos cos que construir cancións. Percura, por suposto,
de culturas e músicas que rachan fronteiras. Neste proceso
de consecución dun estilo persoal Uxía, sen embargo,
non cesa de atopar polo camiño artistas que se teñen
convertido en compañeiros de viaxe e que dan a súa música
o sentido que ela sempre ten defendido, que non é outro que
ser un elemento de comunicación.
De
cómo Uxía tense convertido en catalizadora de culturas,
músicas e artistas diferentes, di moito o espectáculo
"Cantos na Maré", deseñado
por ela mesma e cuia segunda edición celebrouse en agosto de
2004 en Pontevedra. Concebido como punto de encontro de artistas de
culturas de fala portuguesa, asumiu a dirección artística
con Chico Cesar como director musical na primeira edición,
e Paulo Borges na segunda. O escenario transformouse nunha
festa multicultural coas mellores voces de Portugal, Brasil, Cabo
Verde, Guiné Bissau, etc.
Axiña
cumpriranse vinte anos desde que a cantante de Mos (Pontevedra) se
fixera co primeiro premio do Festival de Bergantiños ao que
seguiría o seu debut discográfico Foliada de Marzo,
acadando que a súa voz sexa unha das máis populares
e valoradas en Galicia. Integrase posteriormente no grupo Na
Lúa, que deixa no ano 1991 para retomar a súa
carreira como solista.
Non hai rupturas, todo resposta a unha evolución. Dese xeito
explícao a artista e enténdese que, malia emprender
un camiño en solitario, abra continuamente canles de comunicación
con artistas do país e doutras latitudes. Tras deixar Na Lúa
grava o disco Entre cidades e no ano 1995 Estou vivindo no ceo, traballo
aclamado pola crítica e que afianza a súa proxeccion
internacional.
Sempre
tivo a convicción de que un povo que cantou desde tempos inmemoriais
non pode perder un instrumento tan fundamental como a propia voz.
Por esta razón, promoveu a creación de grupos de cantareiras
e participou en espectáculos como "Son
Delas", no que reuniría a cantantes e instrumentistas
como Mercedes Peón,
Rosa Cedrón, Susana Seivane,
Uxía Pedreira, etc. Asimesmo é
unha das protagonistas do documental televisivo "As
Ultimas Primas Donnas" xunto a cantantes como Noa
e Jessie Norman, difundido en Europa
polo Canal Arte.
Edita
o disco Danza das Areas no ano 2000, un punto de inflexión
froito da necesidade de composicións propias nas que se deixa
seducir por sons máis contemporáneos. Rodéase
unha vez máis dun plantel de colaboradores abraiante: Dulce
Pontes, María del Mar Bonet,
Karen Matheson de Capercaillie, Joao
Afonso, Rosa Cedrón
de Luar na Lubre, Xosé Manuel Budiño,
etc.
Agora,
coa ollada posta no novo disco, a cantante recolle a esencia de todas
esas experiencias que a teñen levado a un contacto permanente
con diferentes lugares, xentes e artistas. De novo acudindo a lendas
e mitos, mais sen deixar de afrontar a actualidade, os feitos que
afectan a súa vida e o seu entorno e que a teñen movido
nos ultimos tempos a combatir coa sua imaxe, música e palabra
as mareas negras deste século. Contando, cantando e sumando
voces á súa propia.
|