Desde Nordesía temos a satisfacción de anunciarche que O MARTES 14 DE DECEMBRO ás 21 horas terá lugar o concerto do grupo Gospel Soul na Aula de Cultura de Caixa Galicia (Carreira do Conde 18, á beira da Alameda).

O concerto, de entrada libre, está incluido no ciclo "Un mundo de voces. Voces Con-Soantes", promovido pola Fundacion CaixaGalicia, e constituirá unha verdadeira festa para os sentidos. Están garantidas as boas vibracións e o pracer de escoitar a unhas voces privilexiadas. Non o podes perder. Vémonos alí.

Un mundo de voces. Voces Con-Soantes.

Gospel Soul. A súa mensaxe de paz, tolerancia e amor preside o ambente festivo dos seus concertos nos que interpretan Negro Spirituals & Goslpels tan coñecidos como Swing Low Sweet Chariot, Down by the Riverside ou Oh Happy Day e composicións actuais con ritmos modernos e festivos con traballadas harmonías. Trátase dun cuarteto con piano formado por tres voces femeninas: a soprano Taïra Chanol, orixinaria da Guyana, Rachel Ratsizafy, de Madagascar, e Emma Lamadji, de Centroáfrica, e o barítono Joël Rhino, orixinario de Martinica. Ao piano contan con Rachid Guissous.

A pesar da xuventude de todos eles, posuen unha grande experiencia na escena gospel, unha historia que é tamén a súa herdanza. Tras coincidir nalguns eventos musicais e gravacións, decidiron fundar Gospel Soul, un grupo dotado dunha grande intensidade emocional e musical coa que pretenden transmitir unha mensaxe reconfortante ao público. Gospel é unha palabra que significa "evanxeo" e que serve para denominar un tipo de música nacida no último tercio do século XIX no seo da comunidade negra. Desde aquela, poucos se teñen resistido ao engado deste ritmo cálido e potente que nacido desde as igrexas espállase a todo tipo de escenarios.

Os integrantes de Gospel Soul recollen toda esa tradición coa convicción persoal de que a escena actual precisa máis que nunca da súa mensaxe de paz e esperanza. Cando o "espíritu" se apodera das voces de Gospel Soul, o público entende realmente cal é a forza desta música que pervive ao paso do tempo.

As voces de Gospel Soul:
Taïra Chanol: Nacida na Guyana, chega a París en 1998 e intégrase inmediatamente nun grupo de música urbana onde é a vocalista principal. Grava un album de música tradicional afro-caribeña e únese ao Coro Gospel de París. Formaría parte posteriormente do grupo feminino Blackness e ten posto a súa voz en diversas produccións de músicas actuais.

Rachel Ratsizafy: Os seu estilo vocal fluido ten tanto da música tradicional Malgache como da música Soul. Entra no ano 1995 a formar parte do grupo Black & White Gospel Singers e dela destácase o seu timbre cálido e a súa brillante presencia no escenario.

Enma Lamadji: Cantaba por placer ate que a descubriron para formar parte do grupo Blanquees. Posue unha magnífica voz de contralto que consegue emocionar ao público acadando un abraiante ton ronco. Formouse na escola do blues, soul e da world music.

Joël Rhino: O líder de Gospel Soul acompañou, prácticamente desde o berce, á súa nai aos ensaios da coral da igrexa. Aos trece anos funda un cuarteto masculino con repertorio dos Golden Gate Quartet. No ano 1991 entra a formar parte do grupo Black & White Gospel Singers, cos que grava tres albumes. A súa mestría fai del un director de coro moi solicitado (Gospel Giving Singers, Les Parvis des Arts, Ville de Montpellier, etc). O seu predicamento baséasese nunha voz cálida e potente que o convirte nun solista de primeiro nivel.