|
FESTIVAL
ETNOSUR
O
artista Xosé Manuel Budiño viaxa a Alcalá la
Real (Jaén) para presentar no festival Etnosur o venres 16
de xullo o seu terceiro disco Zume de Terra. O público deste
festival multidisciplinar que naceu no ano 1997 poderá comprobar
ao vivo como X.M Budiño de novo volta a sorprender, non só
sen medo a innovar senón co convencimento de que é
a saida para fuxir dos sons repetitivos dos nosos días. X.M
Budiño non pretende recriar a tradición musical galega,
senón crear novos conceptos musicais a partir dela.
O artista asumiu integramente neste terceiro
disco en solitario o traballo de composición, arranxos musicais,
producción e gravación. Entre os ingredientes que
X.M Budiño manexou para este Zume de Terra inclúense,
na teima de loitar contra a desmemoria, samplers coas gravacións
realizadas por Alan Lomax en Galicia nos anos cincuenta, a colección
"Raiceiras" dirixida por Mercedes Peón, a voz de
Castelao dirixindose aos galegos de Montevideo en 1941 ou documentos
sonoros sobre a marea negra do Prestige.
Cos doce temas orixinais que conforman o
disco Xosé Manuel Budiño próbase a sí
mesmo e confirma ao público a súa capacidade para
participar en todo o proceso de elaboración deste Zume de
Terra. En Jaen subirán ao escenario con el como artistas
convidadas Carmen Rey e o grupo Anubía e, en palabras do
artista, os asistentes serán testemuñas "dun
directo explosivo con moitas voces" cociñado con instrumentos
tradicionais e tecnoloxía electrónica.
Zume de Terra é un novo concepto no
contexto da música en Galicia. Para este disco, X.M Budiño
contou con importantes colaboradores de diferentes xeografías
como son o músico bretón Jacky Molard, os escoceses
Capercaillie e Michael McGoldrick, o músico e productor Júlio
Pereira, as voces de Sara Tavares (Cabo Verde) e a brasileira Lilian
Vieira (Zuco 103). Todos eles conformaron un zume que, en palabras
do actor e director teatral Carlos Blanco, é "suave,
sedoso, elegante e frugal en ocasións. Rítmico e bailable
como poucos. Unha romaría na néboa. Unha paisaxe.
Inesquecible".
ZUMES
DA TERRA, ESPECTáCULO DE SABORES
En Foz (Lugo) o domingo
18 de xullo Xosé Manuel budiño presenta, dentro da
programación do Xacobeo 2004, o espectaculo Zumes da Terra.
Será emitido pola 2 de TVE e conducido polo actor, director
e showman Carlos Blanco. Trátase pois dunha variante do seu
último disco que recolle a expresión acuñada
por Castelao na sua alocución aos galegos da Montevideo hai
máis de 60 anos, pero coa vixencia plena do seu significado,
que non é outro que a diversidade como mestura de ingredientes,
sabores e cores do mundo.
E iso é o que levará a cabo
Budiño nesta posta en escena singular que pretende homenaxear
aos artistas galegos que constrúen día a día
apostas culturais arriscadas por todo o mundo e, a súa vez,
aos artistas doutras latitudes que tenden pontes entre culturas.
Concretamente Zumes da Terra establece un microuniverso cuios vértices
poderían ser as Terras altas de Escocia e as terras austrais
de Angola. Do que da de si o espazo comprendido entre ambos puntos
da boa conta a nómina de artistas que estarán en Foz
xunto a Budiño o 18 de xullo.
Donald Shaw é o fundador da mítica
banda Capercaillie, protagonista dun dos fenómenos da "nova
música celta no mundo" desde Escocia. Renovador da musica
tradicional escocesa, ten exercido xa de productor de X.M Budiño
no seu anterior disco Arredor. Pola súa parte, Michael McGoldrick,
tamén membro de Capercaillie, está considerado un
dos mellores frautistas do momento.
Alberto Mvundi chega a Europa procedente
de Angola a mediados dos noventa e as letras das súas cancións
lembran a situación que sufre o seu país natal.
Dezi Donelly está considerado un dos
máis importantes violinistas da música celta actual,
revelándose xa aos doce anos como campeón deste instrumento
en Irlanda.
Ed Boy chega desde Inglaterra co seu estilo
proprio á guitarra e un curriculum no que destacan os seus
traballos con Sharon Shannon ou Michael McGoldrick.
Xa dentro de Galicia, X.M Budiño arroupará
o seu espectaculo coas voces de Carmen Rey, vocalista de jazz, e
o grupo Anubía, tres mulleres que apostan pola forza da voz
e da pandeireta. Carlos Castro está considerado un dos mellores
percusionistas de Galicia e forma parte do grupo Fía na Roca.
Por ultimo, desde Cabo Verde, ainda que xa galegas despois do tempo
que levan vivindo en Burela, o espectáculo de X.M Budiño
conta con Batuko Tabanka e o poder das súas voces e percusións
orixinarias do sur.
[+
info sobre o seu novo disco ZUME DE TERRA]
[+
info Festival Etnosur]
|