|
Como
ocorre cos auténticos "grandes" de calquera xénero
musical, Oumou Sangare gañou un lugar no salón da
fama da música de África occidental por algo máis
que a súa habilidade para cantar ben. Cantautora, cronista
social, defensora dos dereitos da muller, voceira da súa
xeración e do seu sexo, é máis que unha mera
intérprete. Ela está máis próxima ao
que se consideraría un fenómeno musical, pois encarna
os valores e as loitas máis profundos da súa xente
e, por riba de todo, é unha muller africana que di o que
pensa sen temor algún.
A súa nai animouna
para que desenrolara o seu valioso talento como cantante. Despois
dun período no que formou parte do Ensamble Nacional de Malí,
onde participaron os mellores músicos do país, Bamba
Dembele - veterano da Super Djata Band - invitouna en 1986 a unirse
á súa compañía de percusións
tradicionais, Djoliba, e a facer con eles unha xira por Europa.
Logo de esta breve introducción á vida de músico,
Oumou regresou a casa coa excepcional e precoz determinación
de formar o seu propio grupo e crear o seu propio son, baseándose
no estilo e a tradición de Wassolulou, a súa terra
ancestral.
Ao pouco tempo, Oumou comezou a traballar co
recoñecido arranxista Amadou Ba Guindo, dedicáronse
a construír un son intenso e altamente individual, evocando
as súas raíces e tradicións dun xeito á
vez único e contemporáneo. Despois de dous anos de arduo
traballo e experimentación, o grupo recibiu a oferta de facer
unha gravación. Oumou e compañía viaxaron a Abidjau,
na Costa de Marfíl, e en só sete días gravaron,
nos lendarios estudios JBZ, "Moussaoulou", Muller, unha
colección de seis composicións orixinais de Oumou.
Mentres o incrible éxito de "Moussaoulou"
consolidou a Oumou na escea musical do África do Oeste, foi
nunhas presentacións fortuítas, en 1991, con Alí
Farka Toure, o lendario guitarrista de Malí, que o selo británico
World Circuit adquiriu os dereitos para a distribución do álbum
e comezou a promover a carreira internacional de Oumou. "Moussaoulou"
foi moi ben recibido ao ancho do mundo, e Oumou, coas súas
letras e inspiración incansables, comezou a traballar nas cancións
para o seu segundo álbum, "Ko Sira".
Coas excelentes críticas e ventas do
seu segundo álbum, Oumou consolidou a súa fama e á
súa volta a casa, os políticos buscaban asociar a súa
imaxe á percepción que tiña Oumou da moral contemporánea,
pero ela conservou desafiante a súa postura de non-alineación.
Recibiu numerosos recoñecementos en Malí, e "Ko
Sira" foi elixido en Europa como o álbum do Ano de World
Music en 1993.
Para o seu terceiro álbum, titulado
"Worotan" traballou con Pee Wee Ellis, trompetista de James
Brown e incondicional de Honny Horns. Ellis fixo unha entusiasta e
respectuosa colaboración ao son de Sangare. Nitin Sawhney,
o talentoso guitarrista británico-asiático, tamén
fixo unha importante contribución ao álbum, principalmente
ao final da canción "Djouolon", unha das composicións
máis rítmicas de Oumou.
Tal vez a razón da popularidade do son
wassoulou, no ámbito nacional e internacional, é que
ofrece ao auditorio, especialmente á xente xoven, unha alternativa
nova aos tradicionais cantos de loubanzas, que debían escoitarse
con reverencia. Xa non se canta aos antepasados excepcionais, senón
á vida cotiá e os músicos esperan que a xente
baile os seus ritmos. Oumou Sangare é definitivamente a estrela
feminina das persoas pensantes.
Coa súa impoñente
estatura, desafiante beleza, valente intelixencia e extraordinaria
voz, ela logra impresionar e asombrar en todos os lugares a onde
vai, nas rúas de Bamako, nas boutiques de París, ou
nos escenarios internacionais. Debes saber que estás tratando
con alguén moi especial cando Oumou canta coa sinxeleza e
a forza espiritual de unha Aretha Franklin ou unha Patsy Cline,
e logo te mira aos ollos e di "loitarei ate o fin dos meus
días polos dereitos das mulleres de África e de todo
o mundo".
|