|
Coincidindo
co Centenario da Edición do 1º disco galego
(Aires da Terra), Pontevedra convertirase no 2004 na
Cidade da Música asumindo ser a cidade galega
que impulse actividades arredor desta celebración
entroncando así coa época de esplendor
cultural e artístico dos anos 20 e situándose
nun presente que lle outorga autoridade para erixirse
este ano en ÁGORA da vida cultural galega, a
xanela pola que veremos pasar o máis engraiado
e variopinto das músicas do mundo e das músicas
propias.
E o ano comeza cun ciclo de voces ibéricas,
voces cunha traxectoria moi dilatada unidas a outras
voces máis recentes e novas: Voces, todas elas,
propias e singulares, cun discurso persoalísimo
pero ben ancorado nas súas respectivas tradicións
literario-musicais. Voces arraigadas á terra
que voan cara a territorios universais e que traen a
verdade ancorada nas súas gorxas e a evidencia
da súa evolución rumbo a apertura e a
pluralidade de estéticas actuais ou máis
alá, vangardistas...
Voces cunha calidade sobradamente contrastada
que renovarán e ampliarán a audiencia
habitual da proposta musical baseada na palabra e que
provocarán unha comunicación en profundidade
cun público ávido de autenticidade e non
de artificios e delirios virtuosistas. Son observadores
da realidade, cronistas dunha época e tamén
dos sentimentos comúns: o amor, o desamor, o
desamparo, a alegría, a melancolía, a
rabia
Para defender as súas cancións
mesturan e combinan o espectáculo co pensamento,
unha determinada actitude ante a vida e a arte cun coidado
manexo das cuestións rítmicas, melódicas
e harmónicas. Aí é onde radica
o interese que provocan estes artistas con maiúsculas.
Son xente do seu tempo cunha preocupación por
acadar novas estéticas e transformar a linguaxe
no máis amplo sentido da palabra. Tamén
a visual que trasladan á escenografía,
ás portadas dos seus discos, á indumentaria
Hai para tódolos gustos, do máis
sobrio ao máis sofisticado, do máis intimista
ao máis extrovertido. E proveñen de territorios
ibéricos non tan antagónicos como puidera
parecer, zumegando o aire deses lugares. Da Mouraría,
en Lisboa pasando por Cádiz ata Oza dos Ríos,
de Euskadi ao Mediterráneo. Dos luminosos ritmos
do Sur representados polo máximo expoñente
da canción de autor en Andalucía: Javier
Ruibal ata a reinterpretación do fado da afroportuguesa
Mariza. Da voz poderosa e telúrica de Mercedes
Peón ata a delicada paisaxe musical de Llach
e ás cancións profundas e sólidas
de Ruper Ordorika.
Todas esas voces incorporan elementos
que van dende o rock, o jazz, a música electrónica,
a clásica. Constrúen unha nova música
que se axusta ao seu corpo. Unha música que será
soporte e sustento da súa poesía, das
súas letras. En definitiva, unha música
onde poidan confluír as súas emocións
e que sexa vehículo e ponte para unha nova concepción
da música de autor, para unha nova conxunción
da palabra e da melodía nun contexto contemporáneo,
nun mundo que sigue precisando da maxia da voz, da canción
como antídoto e bálsamo, da luz que desprenden
os artistas únicos e irrepetibles...
Uxía Senlle
|